O Concello de Pontevedra presentará un contencioso nos tribunais contra a prórroga ambiental a ENCE

Critica a “estratexia” da Xunta de Feixoo para intentar consolidar a pasteira na Ría.

O goberno municipal de Pontevedra presentará un recurso contencioso administrativo nos tribunais contra a decisión da Xunta de prorrogar 4 anos a autorización ambiental á pasteira. Unha decisión na que non tivo en conta as diversas alegacións presentadas polo Concello, a Asociación en defensa da Ría (APDR), a Marea local ou a Confraría de Pescadores.

 

O recurso basearase en que Ence non cumpre coas condicións do Plan de Ordenación de Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio aprobadas pola Xunta.

 

O goberno local mantén que a caducidade da concesión de Costas á pasteira non está resolta, así como que a prórroga dada polo Goberno de Mariano Raxoi non é firme (está recorrida perante a xustiza) e que as emisións ambientais da factoría superan as que permite a lexislación.

 

Carme da Silva, tenente de alcalde, denuncia unha "estratexia" da Xunta para consolidar Ence en Pontevedra, na que se enmarcaría decisións como a publicada esta segunda feira no DOG de ampliar 4 anos máis a autorización ambiental.