A Xunta prorroga 4 anos a autorización ambiental a ENCE

A planta ao pé da ría

O DOG publicou esta segunda feira unha actualización da autorización ambiental da que dispuña a factoría desde abril de 2008. O movimento do goberno galego prodúcese após no seu día o Goberno Raxoi ter ampliado a concesión até 2073. A Administración central rexeita todas as alegacións formuladas polo goberno municipal de Pontevedra (BNG) e colectivos como a Asociación pola defensa da Ría (APDR), Confraría de Pescadores de Lourizán e a Marea local.

Un goberno do PP volta a se pór do lado de Ence e en contra do concello de Pontevedra e de boa parte do tecido social da cidade do Lérez. Esta segunda feira, o DOG publicaba unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galiza en que se atualiza a autorización ambiental da pasteira e se rexeitan as distintas alegacións presentadas.

 

A empresa vai ter que realizar melloras técnicas con vistas a paliar os efectos da contaminación, de acordo coa resolución, en virtude da cal se estabelecen criterios de funcionamento da factoría máis restritivos dos que foron introducidos en 2014 pola Comisión Europea.

 

Destarte, ENCE terá que verter as augas pluviais do complexo, após seren tratadas, lonxe da costa. E facelo antes de 1 de abril de 2019. Para as augas residuais, a empresa ten máis tempo; teno que facer antes de 1 de decembro de 2019.

 

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galiza obriga tamén a factoría a instalar un novo punto de control da contaminación en Campelo.