O Concello de Pontevedra pide a transferencia á Xunta da Unidade Asistencial de Drogodependencias

Anabel Gulías, esta quinta feira. (Foto Nós Diario)

O servizo funciona “como un centro sanitario”, defendeu Gulías

O Concello de Pontevedra pediu esta quinta feira a transferencia á Xunta da Galiza da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) xa que, conforme sinalou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, na actualidade este servizo funciona "como un centro sanitario", polo que o Goberno local entende que carece de sentido que un "centro clínico dependa dun Concello".

A principios desta semana, o Consistorio pontevedrés remitiu unha comunicación á Xunta na que indica que "é urxente mellorar este servizo, optimizalo e poñelo nas mellores condicións posíbeis" e entende que o camiño é seguir avanzado nesta transferencia.

Anabel Gulías compareceu esta quinta feira en rolda de prensa para informar das pretensións do Goberno local en relación a esta UAD, un servizo que vén prestando desde o ano 1991, "durante os anos máis escuros da Galiza respecto ás drogadiccións", e que naceu como unha resposta a esa demanda e alerta social que se vivía.

Na actualidade, o servizo municipal ten un custo de 495.581 euros, dos que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) cobre 397.295 euros, sendo o resto sufragados con fondos municipais. Do total deste financiamento, 464.815 euros correspóndense ao gasto de persoal, de sete traballadores e traballadoras cun “perfil diferente ao que acostuma contratar un Concello", debido a que son profesionais da medicina, psiquiatría ou enfermaría. Ademais, o Consistorio tamén asume os gastos de mantemento, de limpeza, de subministracións, de luz e demais servizos.

Perfil médico

A concelleira lembrou que a UAD pontevedresa atende pacientes dos municipios de Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Poio, Soutomaior ou Vilaboa, ademais dos de Pontevedra, o que "se asemella, tal e como se indica nos informes, ao funcionamento dun centro sanitario".

A dependencia funcional da UAD é marcada polo Sergas, organismo que decide as ordes de traballo e do servizo, utilizando o seu sistema informático. Ademais, ofrece distintos tratamentos como a subministración de metadona e outros medicamentos, detección de drogas ou campañas de vacinación, derívanse tratamentos de alcoholismo, hepatite B ou VIH, accións de claro perfil médico.

Anabel Gulías lembrou que xa hai tempo que se puxo sobre a mesa a posibilidade de transferir á Xunta este tipo de unidades, "xa que non ten sentido, nin é operativo nin é funcional que un centro sanitario dependa dun Concello".

Gulías incidiu en que todo isto é "unha cuestión de sentido común", e que existe un consenso ao redor das administracións locais, tal e como se reflicte na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que traballa na posibilidade desta transferencia na procura dun mellor e máis eficaz funcionamento das unidades.