Pontevedra continúa os labores de mantemento de escolas infantís e colexios de cara ao inicio do curso escolar

A alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visita un colexio da cidade (Foto: Concello de Pontevedra).
“As obras procuran facerse en instantes en que non está ocupado o colexio coa fin de non interferir nas clases. Este Concello sempre procurará que os nenos e nenas que asisten ás aulas públicas teñan as mellores condicións posíbeis”, indicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

O Concello de Pontevedra continúa nesta recta final de agosto realizando traballos de mantemento nas escolas infantís e colexios do municipio. Estes labores son realizados ao longo dos meses de verán coa fin de deixar “en estado de revista” os centros de ensino, seguindo as peticións dos directores dos mesmos, tal e como indica o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

O rexedor visitou esta semana o CEIP Álvarez Limeses para comprobar algunhas das tarefas que foron realizadas neste centro, como a limpeza da cuberta e as baixantes, así como o pintado dunha aula.

Estas, xunto con todos os traballos de mantemento que foron realizados ou se están a realizar, entran dentro do contrato de mantemento, que se atopa dividido en dous lotes cun importe anual total próximo aos 200.000 euros.

“Atendemos as demandas que os directores dos colexios nos fan ao longo do curso escolar”, explica Lores. “As obras procuran facerse en instantes en que non está ocupado o colexio coa fin de non interferir nas clases. Este Concello sempre procurará que os nenos e nenas que asisten ás aulas públicas teñan as mellores condicións posíbeis”, acrecentou o rexedor.

As tarefas a realizar dentro do contrato son moi variadas, e inclúen os pintados das aulas e demais estancias dos centros, substitución de canaletas, limpeza de cubertas e baixantes, pintado de xogos infantís nos patios e arranxos varios (perdas de auga, selado de ventás…), xunto con outros traballos de mantemento.

Ademais deste contrato, tamén están en marcha catro contratos menores para a realización de obras na Escola Infantil A Parda en relación coa colocación de pavimento de caucho no patio exterior, a mellora de superficie no interior do centro, a colocación de protección nas portas e un tratamento antideslizante e de protección anticaída no exterior.

Pequenas reparacións

Cómpre lembrar que as brigadas municipais tamén realizan labores de pequena reparación, como o arranxo e muda de elementos varios, o traslado de mobiliario, a reparación de fugas de auga en baños ou cociñas, a substitución de luminarias e enchufes ou a poda de árbores e outras vexetacións.