O Concello de Ponte Caldelas e a Comunidade de Montes de Baltar alíanse contra o parque eólico Serra da Fracha

Parque eólico. (Foto: Nós Diario)

Díaz e Boullosa acordaron traballar en conxunto para “defender a vida no rural”.

Traballar en conxunto para “defender a vida no rural” fronte ao “beneficio” das empresas enerxéticas, en concreto de Eólica Santa Teresa, S.L.U., promotora do parque eólico Serra da Fracha (entre os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas). Este é o obxectivo “claro” que teñen o Concello de Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra) e a Comunidade de Montes de Baltar.

Na tarde desta terza feira, 2 de maio, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e a presidenta da Comunidade de Montes de Baltar, Marisol Boullosa, acordaron “ir da man” para defender os intereses da veciñanza de Baltar, e por extensión, de todo Ponte Caldelas.

“Iremos da man a un proceso xudicial coa Comunidade de Montes de Baltar se a Xunta da Galiza autoriza o parque eólico Serra da Fracha”, indicou o alcalde de Ponte Caldelas, que recalcou ademais que as persoas “eliximos vivir no rural porque queremos criar aquí os nosos fillos e netos. Contra o interese privado, defenderemos o noso monte, a natureza, o patrimonio, as augas e o benestar dos nosos veciños e veciñas”, recalcou Díaz.

Informes necesarios

O alcalde anunciou que o Concello de Ponte Caldelas xa ten elaborado o informe desfavorábel da técnica de Medio Ambiente e que están a elaborar tamén o informe desfavorábel do técnico municipal de Urbanismo. “Ambos os informes son imprescindíbeis para acudir a un proceso xudicial no caso de que a Xunta autorice o parque eólico Serra da Fracha”, dixo Díaz.  

 Segundo Andrés Díaz, no Serra da Fracha hai unha “clara afección” sobre os recursos hídricos (mananciais e captacións de auga); perda de valor dos terreos; afeccións á saúde; afeccións graves á flora, fauna, biodiversidade e paisaxe. Ademais, suporá perdas para as economías familiares e a redución do turismo, ademais dun ataque ao patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, cultural e inmaterial, “entre outras moitas afeccións”.

Díaz deixou claro que “Ponte Caldelas loitará para preservar intacto o seu territorio e o futuro dos nosos fillos”.