Contra a privatización da fachada marítima da Coruña

25 entidades asumen a plataforma reivindicativa de Defensa do Común e estudan unha consulta popular

A batalla de Defensa do Común pola devolución gratuíta á cidade dos terrenos da Solana e o Hotel Finisterre, na Coruña, continúa a gañar adeptos. Esta quinta feira, 25 entidades cívicas e sociais asinaron a plataforma reivindicativa da comisión cidadá. Estudan convocar unha consulta popular.

A reivindicación básica de Defensa do Común é que "tanto os terrenos ocupados polo complexo polideportivo da Solana como do hotel Finisterre sexan devoltos de forma gratuíta ao Concello da Coruña para equipamento público", informa a entidade cívica nun comunicado.

Quinta feira pasada, reuníronse na Casa Museo Casares Quiroga máis de 70 persoas, en representación de 25 entidades con presenza no tecido social da cidade, para dar apoio á plataforma reivindicativa da Comisión Aberta en Defensa do Común.

Denunciaron o que consideran unha "forte ofensiva oficial para desprenderse de espazos que sempre foron comunais" e expresaron a súa opinión de que os bens comúns non poden ser nen obxecto de poxas nen de vendas directas "para salvar a conta de resultados de institucións como a Autoridade Portuaria, cuxa xestión resulta máis que dubidosa á vista dos resultados que se  van coñecendo".

As entidades reunidas na Casa Museo Casares Quiroga animaron o goberno local a que convoque os distintos actores sociais a unha mobilización en defensa do público e contra a privatización dos terrenos que en orixe foron a praia do Parrote, afectada durante a ditadura pola Autoridade Portuaria.

Defensa do Común e as entidades cívicas e sociais acordaron colaborar na recolla de asinaturas por toda a cidade contra os planos da Autoridade Portuaria

Defensa do Común e estas entidades acordaron colaborar na recolla de asinaturas por toda a cidade contra os planos da Autoridade Portuaria. Avaliaron tamén a posibilidade de convocar unha consulta popular que permita coñecer "a opinión da cidadanía coruñesa sobre os intentos do titular do ente portuario de financiar o sobrecuste do porto exterior de Punta Langosteira coa venda de terreos tan emblemáticos como os ocupados pola Solana e o Finisterre".

Após a aprobación o 9X dunha moción no Pleno da Coruña a prol da devolución gratuíta dos terrenos -proposta de Defensa do Común vehiculada polo BNG- a entidade cívica vai solicitar un encontro co alcalde, Xulio Ferreiro, para saber que pasos vai dar para dar cumprimento a esta iniciativa e para o instar a que estude a convocatoria dun referendo popular.

Defensa do Común e goberno municipal concordan en que os terrenos deben ser públicos, mais discrepan sobre os meios para evitar a privatización: a entidade cívica pide a devolución gratuíta e o executivo local está disposto a desembolsar 1,4 millóns de euros para se facer coa titularidade dos solares.