Coronavirus: segue con prognóstico grave o ingresado na UCI do Chuac e estábeis os outros dous hospitalizados na Galiza

CHUAC

O home de 81 anos con patoloxías previas con positivo por coronavirus ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) permanece na UCI con prognóstico grave, mentres que seguen "estábeis dentro da gravidade" os dous pacientes hospitalizados con positivo na Coruña e Vigo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes hospitalarias, que explicaron que no Chuac permanece, ademais do octoxenario ingresado con positivo por coronavirus, o primeiro paciente confirmado con Covid-19 en Galiza, que segue "estábel dentro da gravidade" ingresado nunha planta convencional.

Pola súa banda, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo permanece na UCI "estábel dentro da gravidade" o home de 43 anos de idade hospitalizado co virus e cuxa muller e o fillo desta tamén foron confirmados con positivo.

Actualmente en Galiza, a Consellería de Sanidade confirmou seis casos positivos, catro en Vigo --tres dunha mesma familia e o cuarto con vínculo estreito con ela-- e dous na Coruña --sen relación entre si--.

Fontes hospitalarias sinalaron a Europa Press que os outros pacientes con coronavirus confirmado en Vigo --unha nai e o seu fillo e unha persoa con vínculo con eles-- continúan con vixilancia domiciliaria e evolucionan ben.

Pola súa banda, polo menos nove casos seguen en estudo na Galiza. En concreto, na Coruña hai sete pendentes de confirmación. Cinco deles teñen un vínculo epidemiolóxico cun dos positivos confirmados nesta área, un home de 81 anos, e outros dous casos carecen de vínculo epidemiolóxico entre eles nin con ningún dos positivos, segundo indicou a Consellería de Sanidade, que investiga os contactos para previr novos contaxios.

Mentres en Ourense, Sanidade ten pendente de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbiología un caso importado que deu positivo nunha primeira proba. Corresponde a unha muller de 35 anos que imparte clases no colexio dos Salesianos da cidade das Burgas, que regresou hai uns días de Venecia. Non presenta sintomatoloxía e permanece ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.

A eles súmase un noveno relativo a un home que este domingo ingresou no Hospital Montecelo de Pontevedra e do que Sanidade remitiu ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid as súas probas para confirmar se presenta a infección por coronavirus.