Traballadoras sociais cuestionan un proceso selectivo en Compostela "sen opcións para as persoas confinadas"

Imaxe de arquivo de estudantes realizando un exame (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza denuncia a decisión do Goberno municipal de manter o exame para esta cuarta feira, 5 de xaneiro, "en plena sexta vaga da pandemia". As persoas opositoras que se atopan en corentena, lamentan, "non terán máis opción que renunciar ao proceso".

O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza (COTSG) vén de denunciar a convocatoria por parte do Concello de Santiago dun proceso selectivo para esta cuarta feira 5 de xaneiro, "en plena sexta vaga da pandemia" e coa Galiza rexistrando "máximos históricos de incidencia".

Trátase, explican desde o órgano colexial, do segundo exame do proceso selectivo da convocatoria para unha listaxe de agarda de traballadoras e traballadores sociais da capital galega.

"A pesar de que a convocatoria foi anunciada en maio, non se procedeu á realización do primeiro exame até o pasado 16 de decembro, cando a situación a nivel sanitario comezaba a ser preocupante", sinalan, nun comunicado.

Desde o COTSG, tras recibir varias queixas dalgunhas persoas aspirantes, mostran a súa "desconformidade" co feito de que estas bases, "malia atopármonos nunha situación de pandemia", non contemplaron "alternativa ningunha" para as persoas que teñen que gardar corentena e non poden asistir a ese segundo exame, "deixando así como única solución que as persoas participantes contaxiadas queden eliminadas do proceso selectivo".

"É esencial que as administracións públicas velen pola saúde da cidadanía, polo que o Colexio de Traballo Social exixe de que neste proceso selectivo e nos seguintes, mentres sigamos na situación epidemiolóxica actual, se inclúan alternativas para as persoas que poidan estar afectadas pola Covid-19 ou persoas de alto risco", inciden.

Neste senso, urxen o estabelecemento das "medidas e alternativas oportunas" ante a situación actual, que, salientan, "non é unha cuestión de responsabilidade individual das persoas opositoras, que xa de por si, afrontan un proceso duro e baixo presión".

"É unha cuestión de saúde pública da que, por suposto, teñen plena responsabilidade as administracións e deben ser elas as que expoñan alternativas máis alá de que as persoas contaxiadas sexan excluídas do proceso selectivo", conclúen.