O Concello de Carballo presenta un recurso contra a autorización do parque eólico do monte Neme

Monte Neme. (Foto: Nós Diario)

Para o Executivo local, o proxecto constitúe “un claro exemplo de fragmentación artificial de proxectos”

O Concello de Carballo vén de presentar recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do polígono eólico Monte Neme, sito entre os concellos de Carballo e Malpica (comarca de Bergantiños) e promovido por Enel Green Power España, S.L.

O recurso do Executivo carballés baséase en cinco aspectos. O primeiro deles, que o proxecto proposto para o monte Neme constitúe “un claro exemplo de fragmentación artificial de proxectos”. Nesta cuestión, o Concello de Carballo fai referencia a sentenzas recentes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) nas que se declara a concorrencia de fragmentación artificiosa, como foi o caso dos polígonos eólicos do Campelo e de Bustelo.

A seguir, o procedemento de autorización do polígono eólico de Monte Neme vulnera a Lei de ordenación do territorio da Galiza en relación coa aprobación do proxecto de interese autonómico, un aspecto sobre o cal teñen fallado tamén os tribunais.

En terceiro lugar o Concello de Carballo indica que as afeccións medioambientais do proxecto vulneran a normativa vixente, entre outros, na proximidade a Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), Zonas de Especial Conservación (ZEC), na perda de superficie de hábitats higrófilos prioritarios, na creación de barreiras para o corredor migratorio das aves, ou na afectación a especies en perigo de extinción como é a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subs. lusitanica).

O Executivo bergantiñés basea tamén o seu recurso en que o trámite de información pública é contrario a dereito pola falta de posta a dispor dos informes sectoriais, un aspecto que tamén motivou a anulación das autorizacións relativas aos parques eólicos Campelo e Bustelo.

E en quinto e último lugar, o Concello de Carballo fai alusión a que a autorización do polígono eólico de Monte Neme vulnera os dereitos de participación da veciñanza en materia de medio ambiente, “xa que o proxecto resultante das modificacións derivadas durante a información pública non foi sometido novamente a exposición”.  

Con todos estes argumentos, desde o Concello solicitan a revogación da resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións do parque eólico Monte Neme e que se proceda á suspensión da resolución impugnada.