Conas Ceives: ''A forza colectiva das mulleres no rural xa non existe; cómpre recuperarmos os espazos públicos''

Acción de Conas Ceives o Día internacional contra a violencia machista
Vai alá máis dun mes desde que un grupo de veciñas do Val da Amaía pariron esta agrupación que pretende rachar co patriarcado xa desde o propio nome. Ao lles preguntar pola súa misión nesta loita, escollen as palabras coas que Kapuściński falaba da profesión xornalística: "O noso traballo non consiste en pisar as cascudas, senón en prender a luz e que a xente vexa como as cascudas corren para se agocharen". En definitiva, sinalar o machismo co dedo e erguer a voz contra a complicidade do silencio


Pregunta:
Empezaron xa pisando forte! Conas Ceives: un nome atrevido que reivindica con orgullo un tabú propio dunha linguaxe recatada. Por que este nome? (E non hei aceptar un 'e por que non?' como resposta...)

Resposta: A realidade é tal na medida en que existe unha linguaxe que a nomea. O feito de que «cona», unha verba nosa, galega, e que designa algo tan fermoso como os xenitais, neste caso femininos, sexa considerada unha palabra «chocante» ou o seu uso sexa «atrevido» quere dicir moito da sociedade en que vivimos.

"O noso nome é a mellor forma que temos de facer ver como temos unha preconcepción machista da realidade aínda defendendo a igualdade''

O noso nome xorde en base a iso, levamos a nosa loita incrustada no nome, é a nosa carta de presentación. Choca, sabémolo. Por iso é a mellor forma que temos de facer ver como temos unha preconcepción machista da realidade aínda mesmo sendo defensoras e defensores da igualdade.

P: "A revolución comeza na casa; a organización, na túa aldea". Non o digo eu, dixérono vostedes. De ser así, por que non hai máis colectivos traballando nas aldeas? As mulleres do rural practican o feminismo, mais moi poucas ouviron falar del.

R: Non só acontece co feminismo senón con tódolos movementos sociais que naceron vencellados ao movemento obreiro e do proletariado en xeral que se acumula nas cidades. Por esta razón Ferrol, por exemplo, ten unha forza social forte polo movemento dos estaleiros, tamén Vigo e A Coruña, e Compostela, sobre todo, pola forza do estudantado. É unha das explicacións principais.

Quitáronnos os espazos públicos propios femininos. Antes as mulleres da comarca picheleira ían aos Campos de San Xosé, onde agora está a Praza Roxa, a tender a roupa. Falaban entre elas, contábanse as súas inquietudes, fosen persoais ou políticas. Esa forza colectiva feminina xa non existe como tal no rural. Un dos nosos propósitos é tratar de nos volver agrupar. Por iso queremos traballar por un feminismo rural. Sabemos que non será doado, posto que non hai unhas redes feministas consolidadas, mais consideramos que é moi preciso.

"Traballar no rural non será doado, mais é moi necesario''

P: Como se traballa contra o machismo nunha contorna onde os roles de xénero están presentes até na matanza do porco?

R: Esa división do traballo non ten porque ser de por si machista. Podemos ser diferentes e facer cousas diversas partindo desde a igualde. Unha persoa pode apreciar visualmente a outra como do sexo feminino e, polo tanto, pretender que ocupe un lugar organizativo. Se este se construíu desde valores equitativos entre ambos sexos non ten porque ser de natureza machista ou desigualitaria. Agora ben, en ningún caso debe ser unha imposición.

P: A cara máis visibilizada do terrorismo machista son os asasinatos. Até que punto é perigosa a identificación social desta violencia só co maltrato físico?

R: Ata o punto de que non se saiba porque se produce esta violencia e, polo tanto, se ignore que as medidas que se están aplicando son terribelmente insuficientes. Tan escasas son que nen sequera está contemplada dentro do marco da sanidade pública.

Se os gobernos non queren solucionar este mal que sofre a sociedade, que nos reprime até matar, teremos que facelo nós. Para iso cómpre que vaiamos concienciándonos de que o terrorismo machista vén dun problema estrutural da sociedade, noso, onde a parte masculina superpón o seu status e o seu poder sobre a muller. Esa forma de poder é un acto de violencia en si mesmo.

P: Dentro do movemento feminista fica aberto o debate ao redor do papel que deben xogar os homes. Onde se posicionan vostedes?

R: As mulleres deben recuperar os espazos públicos, como dixemos antes. Por esta razón, é importante que nós teñamos esa voz que nos quitaron, ese control que nos negaron, ese poder que nos roubaron. E, como padecedoras dun sistema patriarcal e conocedoras do que nos oprime, debemos sinalar o machismo e as vías de cambio. Mais non podemos nin debemos facelo soas. Os homes son os nosos compañeiros e non os queremos fóra, senón connosco. Este camiño farémolo xuntas e xuntos. O feminismo é a forza que une a mulleres e homes como iguais.

P: Os medios de comunicación axudamos ou estorbamos? Pódese ver ben a realidade sen os lentes de xénero?

R: Cómpre introducir unha perspectiva de xénero no xornalismo que ata o de agora nen tan sequera ten esa intención, xa que ese oco nos manuais de estilo é aínda unha folla en branco. É duro ver titulares normalizados de «home mata muller» cando, na realidade, «muller morre a mans de home». Nen sequera somos suxeito na nosa propia morte. Sen as lentes de xénero non se ve, nin mal nin ben, non se ve.

"É importante que nós teñamos esa voz que nos quitaron, ese control que nos negaron, ese poder que nos roubaron"

Os medios de comunicación nin axudades nin estorbades, posicionádesvos. Ben é certo que están pechando decenas e decenas de medios, centos de xornalistas están na rúa, e estes despidos recaen en máis noticias por xornalista, que se ven aplastadas polo tempo, e en persoal bolseiro. E chama a atención como os medios de comunicación que mellor xornalismo fan son os de menor dimensión, o que di moito non só dos propios medios senón dos profesionais que o compoñen. Os medios de comunicación facédelos vós, as persoas, e recibímolos nós, as tamén persoas. E ao igual que nós acudimos a vós para difundir os nosos problemas, porque vós non facedes o mesmo? Non vos afastedes do pobo se queredes escribir para nós.

P: Existe iso que deron en chamar 'matriarcado galego'?

R: A nosa percepción, mediante a nosa experiencia persoal é que a muller sempre tivo un forte papel na economía galega baseada nos sectores agro-gandeiros, pesqueiros e marisqueiros. Esta importancia fai que a muller galega teña un determinado poder mais isto non sinala un matriarcado senón unha relación menos desigualitaria.

A evidencia vémola no canto de que a muller galega tamén sofre o patriarcado nas súas relacións sociais e, pese a súa alta importancia na economía, non sae dos postos máis baixos e miserentos sen chegar a ningún control ou poder. Isto dende a nosa experiencia. Logo vimos de ler artigos cos que concordamos que veñen a defender unha liña matrilineal máis que un verdadeiro matriarcado galego.

P: De lles preguntar por todos os pasos atrás que as medidas do PP obrigaron a dar ás mulleres ocupariamos o tempo da conversa. Propóñolles un reto: valoren esas políticas en tres palabras.

R: Terrorismo de Estado

P: Cal é a pregunta que non lles fixen e devecían por me responder?

R: Pois... estes días está moi ao corrente que nos pregunten polos propósitos de aninovo! Así que: Que imos argallar para o 2013?

"Se nós acudimos á imprensa para difundir os nosos problemas, porque vós non facedes o mesmo? Non vos afastedes do pobo se queredes escribir para nós"

P: Que van argallar para o 2013?

R: O certo é que temos tantas cousas no tinteiro que imos organizar unha asemblea aberta. A pesar de que tivemos un acollemento xenial e non vos imaxinades o agradecidas que vos estamos a todas e todos os que nos apoiades, seguimos vendo que boa parte da veciñanza da Amaía non nos coñece.

Por iso o 23 de xaneiro, cando faremos dous meses como agrupación, convocaremos unha asemblea aberta para a que xa estamos organizando actividades. De momento, o seguro é que nos presentaremos como agrupación, debateremos as liñas de actuación do feminismo na Amaía e, para poder pensar e dialogar en condicións, non poden faltar a nosa boa parella: petiscos e viño!