As Comunidades de Montes anuncian "resistencia" diante dos plans da Xunta

Monumento conmemorativo no monte veciñal de Eirón (Mazaricos) no lugar en que mataron o comuneiro Xosé Esperante (Nós Diario)
O municipio de Mazaricos acollerá hoxe o "Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal", organizado pola Organización galega de comunidades de montes (Orgaccm) e o Instituto galego das terras comunitarias (Ingateco). Será a primeira vez desde que se aprobou esta conmemoración en 2014 que se realice, e coincide cun momento chave para o futuro destas entidades colectivas após o acordo do Consello Forestal de iniciar un proceso para unha nova Lei de Montes.

Mazaricos acolle este sábado o acto polo "Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal". A iniciativa busca render unha homenaxe á resistencia contra o que consideran o "espolio" das terras comunitarias, que tivo o seu suceso máis tráxico o día 22 de xaneiro de 1963 no monte veciñal de Eirón, no municipio de Mazaricos.

Ese fatídico día, o veciño comuneiro Xosé Esperante, alcumado 'Che de Pedro', foi asasinado pola Garda Civil cando, xunto con outras veciñas e veciños comuneiros, tentaban impedir que as máquinas do Patrimonio Forestal Español entrasen no seu monte veciñal co fin de votar o gando e proceder a realizar unha plantación de eucaliptos. 

O presidente da Orgaccmm, José Pereira, explica a Nós Diario que será a primeira vez que se realice este acto "malia que xa se aprobara en 2014 na asemblea de Lugo". A iniciativa pretende "ter continuidade" e lembrar "a loita histórica da veciñanza comuneira que foi quen aguantou todas as vagas hostís e agresivas que levan 200 anos enriba nosa", sinala este comuneiro. 

A xornada comezará ás 11 horas, cunha recepción no Concello por parte do alcalde de Mazaricos, o nacionalista Juan José Blanco Riveiro, e a presentación da unidade didáctica Terras comunitarias/montes veciñais a cargo do presidente do Ingateco, Claudio Quintillán.

Ao remate as persoas asistentes desprazaranse até o monte veciñal de Eirón, lugar dos sucesos acaecidos no ano 1963, onde está situado un monumento conmemorativo.

Denuncias das comunidades de montes

Nesta primeira conmemoración as comunidades de montes queren denunciar "o intento serio e firme do PP a través da Consellaría de Medio Rural de proceder ao roubo dos montes veciñais para entregalos ás empresas privadas e ás Administracións". Pereira sinala que se acordou no Consello Forestal iniciar o proceso para unha nova Lei de Montes veciñais amparándose no acordo do Plan forestal da Galiza.

"Queren chegar a outro tipo de concepto de veciñanza comuneira que abranga non só o feito de estar no lugar senón tamén selo todas aquelas persoas físicas e xurídicas que tiveran algunha relación co monte comunal", denuncia Pereira. Por este motivo, o voceiro das comunidades de montes augura que "se non somos quen de botar abaixo esta lei, poderá ser comuneira ou comuneiro calquera accionista de empresas eólicas, de Fenosa ou de Ence". 

Pereira conta que outra "das liñas que traspasaron" foi a de dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica. "Racharon o carácter da propiedade veciñal que impide que estas terras se poidan vender para convertelas en simples figuras de dereito civil romano para facer negocio", asegura. 

A resistencia comuneira

Desde as comunidades de montes galegas lembran "o éxito da resistencia comuneira, que fixo que se chegara aos nosos días coa posibilidade de gozar os nosos montes a través dunha propiedade común". Daquela, a intención da Orgaccmm será "defendela para que chegue máis alá". Pereira é consciente de que será "unha loita dura" que xa comezou coa presentación o pasado 14 de xaneiro dunha iniciativa popular para elaborar unha lei de montes veciñais, "un paso importante mais que non abonda", indica.

Pedirán ao resto de comunidades de montes o apoio a esta iniciativa, asinar os pregos de condicións e "realizar asembleas informativas para impedir este roubo". Pereira non descarta que se realice unha gran mobilización para evitar estes cambios lexislativos.