Profesorado rodea a sede da Xunta para escenificar o rexeitamento ao protocolo da Covid para o vindeiro curso

Unha imaxe da cadea (Foto: Arxina)

Denuncian que o Goberno galego recomende que non haxa reunións de máis de 25 persoas mentres "impón" un maior número de alumnos

 

Centos de persoas participan nun confinamento simbólico do Protocolo Covid cunha cadea humana rodeando San Caetano, sede da Xunta. Docentes e familiares de alumnado rodearon esta terza feira o edificio administrativo da Xunta en Compostela, para protestar de novo contra o protocolo de Covid-19 da Consellería de Educación para o próximo curso escolar.

A mobilización realizouse cunha cazolada e cantáronse consignas como 'Ensino público presencial e con seguridade'. Os sindicatos tentaron entregar as súas reivindicacións no rexistro da Xunta mais impedíronllo ao non contar con cita previa, polo que as presentarán de forma telemática.

En declaracións aos medios nesta protesta na capital galega, o secretario nacional de CIG-Ensino, Xesús Bermello, mostrou o "estupor" por que a Xunta recomendase --non pode prohibilo-- que non haxa grupos de máis de 25 persoas en reunións privadas na Galiza, mentres no protocolo educativo indica que "en todas as aulas do país poderá haber 26 persoas" en Infantil e Primaria, con 25 alumnos e un mestre.

Pero avisa de que en ESO e Bacharelato "poderá haber 30 ou 35 alumnos", "incumprindo flagrantemente a recomendación da OMS e o Ministerio de Sanidade que falan de distanciamento de metro e medio".

Bermello censura que a Xunta "pon unhas condicións para reunións privadas que son mellores que as pode impor legalmente para a educación no curso que vén".

Inicio de curso “quente”

Así, o responsábel de CIG Ensino asegura que estas mobilizacións supoñen a "antesala" dun inicio de curso "quente" en setembro, porque "non se pode ser cómplice da temeridade e irresponsabilidade" dun Goberno galego que "abandona"ao profesorado e "pono aos pés dos cabalos".

Pola súa banda, a secretaria xeral de Ensino de CC.OO., Luz López, remarcou que "a prioridade é que se garanta o dereito ao ensino presencial" e "con garantías sanitarias", aínda que lamenta que as funcións deste protocolo "deixan a función educativa en segundo ou terceiro lugar".

Luz López tamén se queixa de que "non se establecen as bases" para que haxa un ensino de calidade se a partir de setembro volve haber un confinamento parcial ou total.

A continuación, o presidente do sindicato ANPE en Galiza, Julio Díaz, afeou que "non é de recibo" que a administración educativa "incumpra as súas propias normas" neste protocolo, dado que as "medidas e distancias non se cumpren por ningún lado", tanto a nivel de instalacións como de agrupacións. Pide que se contemple a situación de alumnos e docentes de risco.

Nesta liña, Pilar Domínguez, de UXT, defende que "a Xunta ten que se implicar", "pór máis profesorado e persoal non docente para cumprir con todos os protocolos".