A comunidade educativa galega concéntrase para exixir a fin dos recortes no ensino público do país

Concentración da CIG esta cuarta feira fronte á Consellaría de Educación. (Foto: Arxina)
Profesorado e alumnado manifestan o seu rexeitamento ás políticas de reducción de cadros de persoal que está a levar a cabo o Goberno galego.

Esta cuarta feira, profesorado e alumnado da Galiza estaban chamados a concentrarse ás portas dos seus centros educativos para pór de manifesto o seu malestar e o seu rexeitamento á política de recortes que o Executivo de Alfonso Rueda, a través da Consellaría de Educación, pretende levar a cabo.

A convocatoria, impulsada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, estaba marcada para as 11.30 horas. En moitos centros de todo país, a comunidade educativa formada por alumnado, pais, nais e docentes saíu á rúa para exixir un incremento nos cadros de persoal e a redución de ratios nas aulas.

Concentración no IES Virxe do Mar, en Noia. (Foto: Nós Diario)

En centros como o IES Virxe do Mar, de Noia, integrantes do profesorado concentráronse na porta do instituto con carteis nos que criticaban a perda de docentes por decisión da Xunta e demandaban un “ensino público de calidade”. Os docentes deste centro emitiron un comunicado o pasado 27 de xullo para mostrar publicamente o seu "profundo malestar, a súa indignación e o seu total desacordo" co recorte na cota de docentes asignada pola Consellaría de Educación no curso 2022/23.

Outro dos puntos quentes das concentracións desta mañá foi Cedeira, onde a veciñanza constituíu a semana pasada unha plataforma para mostrar a súa oposición frontal á decisión da Consellaría de Educación de reducir o número de profesores e de matrículas para este curso escolar que comeza no IES Punta Candieira.

Concentración de CIG-Ensino

Pola súa parte, a sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) concentrouse tamén na mañá desta cuarta feira ás portas do edificio administrativo da Consellaría de Educación en Santiago de Compostela. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, volveu lembrar que este curso é o segundo, despois dos recortes producidos no anterior, “con maior redución de prazas desde que hai 13 anos asumiu o PP a xestión da política educativa da Xunta”.

“Malia que o conselleiro non se cansou de repetir estes días que a cifra de profesorado se mantén estábel, os datos que o seu propio departamento publica, aínda que de forma escurantista, non deixan lugar a dúbidas”, criticou Bermello.

Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino subliñou que o ano pasado, segundo datos oficiais, houbo 869 docentes menos con respecto ao primeiro curso da pandemia e este, a falta de que a consellaría facilite as estatísticas oficiais, “evidencia que a tendencia dos recortes non cesa. Segundo a publicación dos destinos de carácter provisional, este curso hai 717 docentes menos nesta adxudicación”.

“A redución é moi drástica, sobre todo nas etapas de educación infantil e primaria, que arrastran unha perda de 10% de efectivos desde a chegada de Feixoo ao poder, mentres que o persoal que traballa no ensino concertado incrementouse no seu conxunto neste mesmo período en perto de 6%”, sentenciou Bermello.