Comuneiros galegos inician unha campaña contra o "intento do PP de privatizar o monte comunal"

Xosé Alfredo Pereira (no centro) en rolda de prensa esta quinta feira (Foto Organización Galega de Comunidades de Montes).
A Organización Galegas de Comunidades de Montes e as Mancomunidades de Montes entende que a lei que elabora o PP supón usurpar a histórica propiedade veciñal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCM) xunto ás Mancomunidades de Montes Veciñais do Barbanza, Vilagarcía, Pontevedra, O Morrazo, Vigo e Val Miñor, acordaron iniciar unha campaña de información e sensibilización á cidadanía contra "o intento do PP de privatizar o monte comunal".

Nunha rolda de prensa decorrida esta quinta feira en Pontevedra, expresaron o seu rexeitamento á lei que elabora o Partido Popular sobre o monte comunal que, ao seu xuízo, pretende "privatizar" o terreo comunal para "entregalo a intereses de empresas privadas, como as eólicas".

Aseguran que esta lei supón "usurpar" a histórica propiedade veciñal, suprimindo o carácter xermánico da súa titularidade, ao permitir que unha persoa xurídica poida ser comuneiro e titular do terreo, rompendo a relación histórica da veciñanza co monte "para que a partir de agora se poida comprar, vender, herdar, comercializar".

Entenden que dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica esconde a "clara intención" de que desta maneira poidan ser comercializadas "e ser acaparadas por intereses económicos, especulativos ou urbanísticos alleos aos intereses dos comuneiros".

O presidente da OGCM, Xosé Alfredo Pereira, lamentou que o Partido Popular e o Goberno da Xunta non tivesen en conta as súas propostas para a nova lei de montes veciñais, nin sequera a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada polas firmas de 12.010 persoas, apoiada polas comunidades de montes que integran esta organización e tamén por acordos maioritarios de numerosos Concellos e das Deputacións.

Xosé Alfredo Pereira confía en poder parar esta reforma legal "a través de procesos democráticos" e que a ILP poida sexa debatida no Parlamento galego.

Asamblea xeral 

O próximo día 18 terá lugar na localidade pontevedresa de Tomiño unha asemblea xeral desta organización, que estará aberta a todas as comunidades da Galiza, co obxectivo de poñer en marcha esa campaña informativa.

Estes colectivos subliñan a necesidade de conseguir unha lei de montes veciñais que defenda o carácter xermánico destas terras e quw as iguale coas titularidades públicas e privadas.