CARA AO 8-M

"Cómpre visibilizar a loita polas liberdades sexuais"

Elisabet Pérez [Imaxe cedida]

Elisabet é unha das voces que compoñen a Asociación Nós Mesmas. O colectivo LGTBIQ tamén fai parte da convocatoria do 8 de marzo. 

 

Elisabet Pérez fai parte de Nós Mesmas. Un colectivo que desde Vigo traballa a prol da visibilidade lésbica e bisexual. Neste 8 de marzo tamén a loita a prol das liberdades sexuais centrará as reivindicacións do movemento feminista galego que se manifestará polas rúas de Compostela a partir das 12.00h. 

Cales son as razóns para se mobilizar este 8 de marzo?
Reivindicarmos os dereitos das mulleres e denunciar as consecuencias que teñen as políticas e reformas que se están a desenvolver, tanto na educación como na sanidade, que non melloran a nosa situación senón que a empeoran. 

Como valorades desde Nós Mesmas a manifestación unitaria?
O movemento feminista decidiu unirse hai dous anos para exixir xuntas os nosos dereitos, arredor da reforma da lei do aborto. Esta nova convocatoria responde á necesidade de continuar a defender os nosos dereitos. 

Mais cun carácter máis transversal, non si?
Si. Vai adquirindo pluralidade pois atínxennos tamén outras loitas. Como comentaba antes, no plano da educación, da sanidade... esta loitan ten que se transversalizar. 

"Temos que participar das mobilizacións se queremos que as cousas cambien realmente"

Está a loita polas liberdades sexuais nun segundo plano?
Cómpre visibilizar a loita polas liberdades sexuais. Así as cousas, na Galiza o movemento feminista colle as nosas reivindicacións. Entre outras, a defensa do dereito aos tratamentos de reprodución asistida na Seguridade Social após sermos excluídas. Queda moito por facer mais a acollida está a ser boa. 

E para alguén que non participase nunca no 8 de marzo, que lle dirías?
Hai razóns dabondas para vir coa situación actual que temos na Galiza e no Estado español. Temos que participar das mobilizacións se queremos que as cousas cambien realmente. Ninguén nos vai agasallar nada.