CARA AO 8-M

"É importante a colaboración entre as mulleres"

Lucía López Bayo

Lucía López Bayo é xornalista e unha persoa implicada no desenvolvemento, como o nome do colectivo do que fai parte.

 

 

Através dos proxectos desenvolvidos por Implicadas, López Bayo sinala como unha acción importante para o feminismo do "norte" e do "sur", loitar porque as mulleres poidan (poidamos) "exercer os seus dereitos" no plano social e tamén político. As súas razóns para facer parte da manifestación convocada este 8 de marzo son moitas mais non dubida en sinalar a máis "indignante": a violencia machista. 

Cales son as razóns polas que asistirás á manifestación do 8 de marzo?
Malia todo o avanzado nos últimos anos e de que o feminismo é un movemento que ten introducido moitos cambios sociais nos últimos anos, aínda queda moito por facer, nomeadamente para rematar coa violencia machista. Aliás, só hai que ver a situación laboral que atinxe as mulleres, con menos salarios embora teren o mesmo grao de formación que os homes, ou a imposibilidade de accederen a determinados postos de traballo por mor do teito de vidro. 

É esta unha convocatoria máis transveral nas reivindicacións?
S. Coido que está a focar as demandas do feminismo. O 8 de marzo fálase de violencia, de dereitos sexuais e reprodutivos, de cuestións laborais... Estase a se tornar unha data máis reinvindicativa. 

"O 8 de marzo estase a tornar nunha data máis reivindicativa, fálase de violencia, de dereitos sexuais e reprodutivos, de cuestións laborais"

Ti que traballas con Implicadas no desenvolvemento, cales cres que son os espazos de acción feminista máis urxentes?
Pola miña experiencia coido que o máis importante é traballar o terreo político e social á fin de que as mulleres poidan exercer os seus dereitos, porque iso non acontece nen no norte (occidente) nen no sur. Hai que denunciar este feito através da mobilización, como a do domingo ou a do 25 de novembro. Mais tamén através da colaboración entre as propias mulleres. Nós en Implicadas traballamos grupos de axuda mutua e desde ese punto de vista é importante que todos os colectivos feministas unan as súas loitas. 

Por que é importante estar o domingo en Compostela?
Falabamos antes dos salarios. Hai exemplos no día a día polos que deberiamos participar na manifestación mais a min se algo me parece indignante é a violencia machista. Só por iso todas deberiamos estar o domingo alí. A sociedade é cómplice se non reaxe contra ela.