A compravenda de vivendas dispárase case un 50% na Galiza e sitúase en cifras da burbulla inmobiliaria

Cartel dunha vivenda en venta nun bloque de pisos. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O incremento é superior ao avance da media estatal.

A compravenda de vivendas disparouse un 45,7% na Galiza en setembro en comparación co mesmo mes de 2023, catro puntos por riba da alza de 41,5% estatal, cun total de 2.449 operacións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira. Son cifras similares ás da burbulla inmobiliaria de 2007, antes da crise do ladrillo. Desde entón, tan só no verán de 2010 houbo rexistros desta magnitude na comunidade, hai xa máis de 14 anos.

Se se compara co mes anterior, en agosto houbo 1.781 operacións, o ascenso na Galiza é de 37,5%. Do total de compravendas en setembro, a práctica totalidade foi sobre vivenda libre (2.377), con só 72 sobre inmóbeis de protección oficial. Eran 1.791 usadas e 658 novas. En total, houbo 4.300 operacións sobre vivendas. Ademais, das citadas 2.449 compravendas, producíronse 964 herdanzas, 46 doazóns, cinco permutas e 836 doutro tipo.

Polo que se refire ao global de predios, as transmisións foron 10.154 na comunidade galega no noveno mes, case 2.000 máis que un ano antes. Repártense en 7.699 urbanos e 2.455 rústicos. As transmisións das predios urbano correspóndense con 4.487 compravendas, 1.558 herdanzas, 1.566 doutro tipo, 69 doazóns e 19 permutas. As 2.455 transmisións de leiras rústicas atenderon a 1.083 herdanzas, 770 compravendas, 25 permutas, 24 doazóns e 553 doutro tipo.

Datos estatais

A compravenda de vivendas tamén se disparou no Estado español o pasado mes de setembro. Con todo, ficou por baixo do crecemento galego ao situarse nun 41,5% respecto ao mesmo mes de 2023, até un total de 61.887 operacións, a súa maior cifra desde xullo de 2007, cando se superaron as 63.000 compravendas. Co avance de setembro, o máis pronunciado desde agosto de 2021, a compravenda de vivendas encadea tres meses de alzas interanuais despois de que en xullo e agosto subise un 19% e un 0,9%, respectivamente.

O aumento interanual da compravenda de vivendas en setembro debeuse tanto á repunta das operacións sobre pisos novos, que avanzaron un 54,9% interanual, até as 12.531 operacións, a súa cifra máis elevada en 20 anos, como ás realizadas sobre vivendas usadas, que creceron un 38,4%, até as 49.356 operacións, a cifra máis alta desde maio de 2022.

92,4% das vivendas transmitidas por compravenda en setembro foron vivendas libres e 7,6%, protexidas. En total, a compravenda de vivendas libres subiu un 41,3% interanual, até as 57.179 operacións, en tanto que a compravenda de vivendas protexidas aumentou un 43,6%, até sumar 4.708 transaccións. En taxa intermensual (setembro sobre agosto), a compravenda de vivendas disparouse un 25,1%, mentres que nos nove primeiros meses de 2024 incrementouse un 3,1%, con avances do 12,2% no caso das vivendas novas e do 1% no das vivendas usadas.

En xeral, todas as comunidades venderon en setembro máis vivendas que no mesmo mes de 2023. As maiores repuntas déronse en Estremadura (+79,3%), Euskadi(+67,4%), Asturias (+57,3%) e Aragón (+56%). Os incrementos máis moderados rexistráronos Navarra (+18%), Illes Balears (+18,5%) e Murcia (+32,2%).