8-M

Compostela recoñece 8 mulleres por "construír o termo feminista"

Goretti Sanmartín (no centro), esta segunda feira, na presentación da campaña. (Foto: Nós Diario)

A campaña polo Día das Mulleres Traballadoras do Concello de Santiago contará con cinco encontros baixo o título 'Construamos o termo feminista'.

O Concello de Compostela presentou esta segunda feira a súa campaña para o 8 de marzo 'Construamos o termo feminista de Compostela', cuxa programación, ademais de cinco encontros cidadáns, inclúe o recoñecemento a oito mulleres pola súa achega á confección do feminismo na capital galega e entre as que se atopan a cineasta Jaione Camborda e a científica María Jesús Lamas.

A campaña do 8M porá en marcha un proceso participativo que durará varios meses co que Raxoi pretende recoller as ideas do movemento asociativo feminista, para o que se crearán espazos de encontro co fin de "poder construír o termo feminista en Compostela".

Segundo informou en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, o obxectivo desta campaña é que Santiago sexa un espazo feminista, "un proceso que levará meses pero que comeza xa" a través da apertura de espazos de diálogo.

Actos

Desta maneira, a vindeira quinta feira, 7 de marzo, decorrerá na sala Mozart do Auditorio da Galiza ás 19.30 horas un acto de recoñecemento ao traballo de oito mulleres compostelás "que contribuíron á construción do termo feminista da capital", como son a guionista e directora de cinema Jaione Camborda, a fotógrafa do estudo Foto Sandine, Julia López, e a directora de Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, María Jesús Lamas, entre outras.

O propio día 8 de marzo efectuarase na Casa do concello a lectura do manifesto e a entrega do premio Xohana Torres 2023, e quedarán abertas as bases para participar na seguinte convocatoria.

Pola súa banda, a socia fundadora e directora de proxectos de 7H Cooperativa Cultural, Clara Cordeiro, destacou que esta proposta, que se estenderá até o mes de maio, está articulada a través dun convite en positivo que chama a "debater para construír" de forma empática e sostíbel.

5 encontros para dialogar

Trátase dunha convocatoria que conta co apoio do tecido asociativo feminista compostelán, á que se poderá incorporar todo o que queira "construír a cidade de forma colectiva e desde o respecto", en calquera dos cinco encontros de traballo que levarán a cabo. O primeiro encontro realizarase o 11 de marzo, e os seguintes serán as consecutivas sextas feiras, exceptuando a da Semana Santa.

O encontro do 11 de marzo chámase 'Cultivar o termo feminista', e sentará as bases da iniciativa. O seguintes catro encontros centraranse máis no traballo e vincularanse cada un a unha idea do que consideran o punto de partida para construír a cidade.

En primeiro lugar, estará 'O termo feminista da memoria', onde se falará sobre o factor histórico da cidade desde a memoria das mulleres maiores, os saberes da terra, das mulleres no fogar e da historia que constrúen todas as habitantes da cidade.

O segundo encontro de traballo será o 'Espazo construído do termo feminista', no que o tema principal serán os edificios e espazos de encontro santiagueses, "non pensados para nenos, persoas con discapacidade e mulleres en xeral".

O terceiro, 'Espazo natural do termo feminista', que será un espazo de diálogo sobre a natureza do rural e o ecofeminismo, e o cuarto e último será o 'Encontro das persoas', no que se tratarán temas como os coidados, e haberá unha parte de escoita e deconstrucción desde o individual até a colectividade. Será un acto de celebración que decorrerá o 4 de maio e festexará a construción do termo feminista en Compostela.