Compostela pagou durante 50 anos parte da luz da Catedral

Imaxe do interior da Catedral. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Só entre 2009 e parte de 2012, a iluminación da Catedral supuxo 160.000 euros que tiveron que asumir as arcas municipais, sostén un informe dun enxeñeiro. Goretti Sanmartín reclama unha xunta de portavoces na que se ofrezan explicacións do acontecido.

O Concello de Compostela pagou parte dos gastos de luz da Catedral durante 50 anos, de 1968 ao 2018, cando se desenganchou da rede pública, desvela un informe desenvolto por un enxeñeiro técnico municipal.

O documento revelado polo dixital elDiario.es está asinado en maio de 2012, durante a etapa do Partido Popular (PP) á fronte do consistorio, e detalla os tres tipos de subministración que recibía a basílica.

No que se refire á iluminación exterior, a factura e o mantemento foron asumidos polo Concello. A instalación deste sistema data de 1968 e foi renovada para o Xacobeo do ano 1999.

A iluminación interior, apunta o texto, conta con dous tipos de subministracións abonadas polo Arcebispado e o municipio. O primeiro encárgase de asumir o “uso diario” do lugar. Pola contra, o Concello ten estipulada a xestión da luz de “actos oficiais, retransmisións de televisión e outros tipos de actos de importancia”, en definitiva, eventos que precisen dunha “iluminación especial”.

O autor do informe advertiu que “por motivos que descoñezo o municipio asume o pago da enerxía eléctrica, aínda que non do seu mantemento”, por iso reclamou que fora investigado se o gasto “podía proceder dalgún convenio subscrito que poida ser revisábel ou actualizábel”. Só entre 2009 e parte do 2012, o gasto situouse arredor dos 160.000 euros. Este arranxo foi desbotado en 2018 no Goberno municipal de Martiño Noriega (Compostela Aberta).

O voceiro da formación, Xan Duro, sostivo que estes gastos “non estaba sustentados en ningún tipo de convenio”, polo que se mantiveron xuntanzas cos responsábeis do tempo até 2018. “Eles cumpriron, nós tamén, e quedou solucionado”, afirmou.

O actual rexedor, Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), manifestou onte que non coñecía os detalles da situación, mais defendeu que, a priori, “non semella incorrecto, porque era pór en valor a Catedral como elemento turístico e cultural”.

A voceira municipal do Bloque Nacionalista Galego, Goretti Sanmartín, cualificou a revelación de “escandalosa”. “Aquelas persoas que o sabían e son cargos institucionais tiñan o deber de facelo público”, incidiu, antes de anunciar que pedirá unha convocatoria da xunta de portavoces para aclarar o acontecido.

No tocante ao PP, o voceiro municipal, Alejandro Sánchez Brunete, quitou ferro ao asunto e reiterou que o problema “radica en que non houbo convenio” coa Catedral, o que definiu como usual.