A fachada do Obradoiro da catedral de Santiago loce restaurada e sen andamios

A fachada da catedral de Compostela da praza do Obradoiro é a que lles dá a benvida a turistas e peregrinas cada ano e, especialmente, en períodos xacobeos sen restricións sanitarias pola Covid-19.
_DSF1602
photo_camera Fachada de poñente da catedral de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

A fachada da catedral de Compostela da praza do Obradoiro é a que lles dá a benvida a turistas e peregrinas cada ano e, especialmente, en períodos xacobeos sen restricións sanitarias pola Covid-19. Desde 2013, esta fachada mantívose en obras e tapada por andamios e estruturas metálicas, debido aos traballos de restauración da escalinata de acceso ao templo.

Foron en total sete anos de traballos, pois entre 2018 e 2019, as estruturas metálicas retiráronse por mor da interrupción das tarefas de restauración, a causa da visita do rei Felipe VI no verán de 2018. En 2019, foi unha pintada realizada durante as manifestacións do 8-M, na pedra que soporta a escalinata; e a finais dese ano retomouse de novo a intervención na fachada.

A retirada dos andamios comezou durante a mañá de hoxe e xa foron moitas as persoas transeúntes e visitantes que puideron apreciar os detalles da cantaría da escalinata recentemente reparada. 

O conxunto metálico que a acompaña tamén se atopaba moi deteriorado, en gran medida por mor do mal tempo, e por iso se lle encargou a súa reparación a un obradoiro especializado. Con estoutra intervención puideron recuperarse parte das pezas do conxunto, mais tamén se construíron réplicas dos elementos que se atopaban máis desgastados polo tempo.

O ferreiro Santiago Martínez foi o que se encargou de facer a restauración, como xa antes o fixera nas torres da fachada do Obradoiro ou na Porta Santa, na praza da Quintana. Mentres a fachada se mantivo cuberta por andamios e estruturas metálicas, unha serie de vinilos cubrían a superficie reproducindo a parte da fachada da catedral que se tapaba, de modo que se reducise o impacto visual que producía a instalación nesta praza central do casco histórico compostelán.

Da mesma maneira que se cubriu, o pasado mes de decembro ao coincidir o inicio do Ano Xacobeo, a escalinata que daquela se atopaba levantada polas obras.

A historia da fachada

A fachada occidental da catedral chegou a nós a través dos debuxos de Vega e Verdugo. No século XVI fixéronse as primeiras reformas e a comezos do XVII, Ginés Martínez construíu a escada renacentista que desde onte volve lucir. 

Na segunda metade do século XVII acometéronse diversas intervencións, tanto na fachada como nas torres, mais non é até 1738 cando o arquitecto barroco Fernando de Casas derruba a antiga fachada e comeza a construción da actual.

Comentarios