Compostela, á espera de informes para declarar zonas de aluguer tensionado

Marta Besada e Goretti Sanmartín, esta sexta feira, na presentación do programa Apego. (Foto: Nós Diario)

O Goberno da capital galega prepara a ordenanza de Vivendas de Uso Turístico (VUT)

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, reiterou que o departamento de Urbanismo do consistorio municipal estuda a declaración de zonas de aluguer tensionado e pediu esperar a "ter os informes preparados".

A preguntas dos medios esta sexta feira nunha rolda de prensa convocada para presentar as actividades do programa Apego, Sanmartín sinalou que o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, está a traballar neste tema para preparar eses estudos.

En todo caso, a rexedora da capital galega apuntou que o Goberno local entende que "Santiago cumpre cos parámetros para que isto sexa así", pero pediu "esperar para ter os informes preparados".

En canto ás Vivendas de Uso Turístico (VUT), Sanmartín tamén demandou "esperar a que se complete o expediente desde o punto de vista técnico e xurídico" para facer un anuncio sobre os seus contidos. Neste sentido, lembrou que o Goberno municipal comprometeuse coas asociacións para informalas "de primeira man", do mesmo xeito que ao resto de grupos políticos.

Así mesmo, asegurou que os convocarán antes de que este asunto vaia á Xunta de Goberno e volveu a defender que a ordenanza "vai ver a luz”.

A Xunta non declarará zonas tensionadas

Precisamente, esta quinta feira, 29 de febreiro, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou, en resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario, que o Executivo galego non declarará zonas tensionadas. "Se un Concello o pide, valorarémolo", dixo o titular da Xunta, "e se, en todo caso, está ben argumentado, con todo o que ten que ter, todo o que ten que pedir, diremos que si".

Un si que dará o Goberno galego porque "a Lei de Vivenda está aprobada e temos que cumprila", non porque acrediten na necesidade das zonas tensionadas.