Compostela conectará a Intermodal e o Campus Sur cun carril bici

Xesús Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Vías e Obras de Compostela, esta segunda feira. (Foto: Concello de Compostela)

O Executivo local adxudicou as obras de execución do proxecto “Recuperación do Campus sur para o cidadán”

A Xunta de Goberno local de Compostela adxudicou esta segunda feira, 28 de agosto, o contrato para levar a cabo a primeira fase da actuación “Rede de Itinerarios Sostíbeis para a Redución da Pegada de Carbono”, que implica a construción dun carril bici que conecte a Estación Intermodal co Campus Sur da capital galega.

O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Vías e Obras, Xesús Domínguez, explicou que as actuacións que se contemplan neste proxecto teñen por obxecto a implantación dun itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, a rúa de Amor Ruibal e a rúa do Hórreo da capital galega. "Con esta intervención darase continuidade ás obras xa realizadas na rúa Clara Compoamor e na rúa do Hórreo entre a estación do tren e a zona do ambulatorio e estabeleceranse as bases da futura rede de itinerarios sostíbeis para a redución da pegada de carbono", detallou.

Para acadar a segregación física dos carrís bici, empregaranse separadores e postes flexíbeis, e na incorporación desde o Campus Sur cara á rúa de Romero Donallo instalaranse dúas balizas semafóricas, unha a cada marxe. Tamén será necesario reducir a ocupación da calzada por parte dos coches "a través da redución do ancho das vías, ou mesmo nalgúns casos eliminando algún dos carrís".

Na rúa de Romero Donallo recóllense carrís de 3 metros, e no treito que vai dende a rúa Rosalía de Castro até a saída do túnel está previsto eliminar un carril por sentido. Cada marxe contará cun itinerario ciclista segregado, dun só sentido e ancho comprendido entre 1,50 e 2,00 metros e cunha zona verde de separación coa beirarrúa.

No caso da rúa de Amor Ruibal, o proxecto estabelece unha vía ciclista na marxe dereita, baixando en dirección Pontepedriña, de dobre sentido de circulación e un ancho de 3,20 metros, que implicaría a supresión dun carril de circulación. O edil anunciou que desde o Goberno municipal estase estudando "unha modificación sobre a obra que implicaría a implantación dun carril bici de baixada pola marxe dereita e un de subida pola marxe esquerda", unha segregación que permitiría "darlle continuidade ao carril de Romero Donallo e permitir a mellor incorporación das bicicletas á rotonda da Pontepedriña".

Na rúa do Hórreo a actuación proxecta dúas solucións mantendo o actual número de carrís de vehículos cun ancho de 3,25 metros. Dende a intersección coa rúa de Romero Donallo e até o primeiro paso de peóns, contará cun itinerario ciclista en cada marxe, dun só sentido e 2 metros de ancho. A continuación, até a súa conexión coa vía ciclista xa existente na rúa do Hórreo, o proxecto inicial contempla un carril con dobre sentido de circulación e 3,25 metros de ancho só pola marxe esquerda.

Neste caso, Xesús Domínguez tamén manifestou a súa vontade de estudar unha posíbel modificación do proxecto, que permita segregar este carril bici, xa que inicialmente prevíase "unha serie de paradas de autobús que se derivaron finalmente á Estación Intermodal, o que nos pode permitir facer un carril de subida pola marxe dereita e un carril de baixada polo outro lado".

Recuperar o Campus Sur

A Xunta de Goberno compostelá tamén acordou a adxudicación do contrato de execución do proxecto “Recuperación do Campus Sur para o cidadán”.

Con esta actuación, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, pondo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa co obxectivo de "mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos".

O ámbito de actuación centrarase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria”, espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos, e, en concreto, na avenida da Coruña, nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

Xesús Domínguez salientou que as dúas obras adxudicadas nesta segund afeira permitirán "situar a capital da Galiza á altura doutras capitais europeas en canto a accesibilidade, trasporte saudábel, seguranza viaria e mobilidade.