Compostela aproba o protocolo para a abordaxe de violencias sexuais e Lgtbifóbicas no lecer nocturno

(Foto: Nós Diario)

O persoal destes estabelecementos recibirá formación e os locais contarán cun adhesivo para indicar que son un "lugar seguro".

A xunta de goberno do Concello de Santiago deu visto e prace esta segunda feira ao texto do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e Lgtbifóbicas en espazos do lecer nocturno, co obxectivo de pór a disposición das persoas responsábeis e traballadoras dos estabelecementos unha ferramenta de apoio, así como diferentes estratexias e recursos, para a prevención de situación de violencia sexual e/ou Lgtbifóbica e, de ser o caso, para a súa detección, atención e actuación de forma coordinada e unificada.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), explicou en rolda de prensa que o Goberno municipal mantivo até o momento reunións co sector hostaleiro, a nivel policial e universitario e tivo "moi boa acollida" en todos os ámbitos, polo que xa entra en vigor ao contar tamén co visto e prace da asesoría xurídica.

Criterios a seguir

Trátase dunha folla de ruta na que se inclúen os criterios a seguir en caso de violencias sexuais ou que atenten contra os dereitos Lgtbi en todo o lecer nocturno.

Segundo detallou a rexedora, con este protocolo haberá formación específica para as persoas traballadoras neste sector, para que poidan coñecer "que teñen que facer e como teñen que actuar" ante situacións deste tipo.

Así, Sanmartín fai un chamamento aos estabelecementos para que se adhiran a este protocolo, xa que é voluntario, aínda que recoñeceu que "existe implicación" por parte das principais asociacións, polo que espera que "a totalidade" dos negocios asociados se inclúan nel, así como calquera outro local.

Estes establecementos, ademais de recibir información e formación, terán un adhesivo para indicar que son un "lugar seguro". "Queremos trasladar que a hostalaría é un espazo de lecer seguro, tanto para as mulleres como para o colectivo Lgtbi", expuxo.

Actuacións

Entre os obxectivos deste protocolo, visibilizar e desnaturalizar as diferentes formas de violencias sexuais e Lgtbifóbicas que se poden identificar neste contexto; xerar unha resposta institucional "contundente" e dispor dun marco de actuación coordinado fronte á esta problemática; facilitar e promover a creación de espazos de lecer nocturno seguros, libres e igualitarios; ou desenvolver accións para previr estes actos.

Ademais, todos os feitos ocorridos no marco deste protocolo serán rexistrados para facilitar o seu seguimento e avaliación.

Cando se detecte unha situación deste tipo, en primeiro lugar protexerase e atenderase á vítima; respectarase a súa decisión; ou rexeitaranse de forma "clara e contundente" todas as formas de violencia deste tipo, así como ante a persoa que exerce a violencia. Así mesmo, respectarase a confidencialidade e intimidade e proporcionarase unha resposta "inmediata e coordinada" co resto de axentes implicados no circuíto de actuación.