Crise dos pellets

O sector pesqueiro e o ecoloxismo chaman a mobilizarse contra a "tardanza e desleixo" da Xunta o 21 e xaneiro en Compostela

Xaquín Rubido intervindo hoxe na presentación da marcha de 21 de xaneiro. (Foto: PDRA).

O sector do mar mobilizarase o vindeiro 21 de xaneiro en Compostela contra a xestión que está a facer a Xunta da Galiza dos vertidos de pellets procedente dos contedores do mercante Toconao. A manifestación que partirá as 12 horas da  Alameda e rematará na praza do Obradoiro desenvolverase baixo o lema de “En defensa do noso mar”.

A marcha que percorrerá as rúas de Compostela para denunciar a xestión da Xunta na 'crise dos pellets' conta xa co apoio de perto de 50 colectivos. Entre eles atópanse, as plataformas en defensa da ría de Arousa e de Muros-Noia, as principais organizacións galegas de bateeiros, diversas agrupacións de mariscadores e mariscadoras, confrarías de pescadores e distintos colectivos ecoloxistas que teñen organizado durante estes días o voluntariado de limpeza das praias afectadas polos vertidos do Toconao

O voceiro da Plataforma en defensa da ría de Arousa, Xaquín Rubido, denuncia en declaracións a Nós Diario “a tardanza e o desleixo das administracións en facer fronte a  situación creada pola chegada masiva de materiais plásticos ás costas galegas cos seus potenciais riscos para a saúde e o medio ambiente”. Neste sentido, alerta que “a crise dos pellets sobreponse á critica situación que padece un parte importante do noso sector pesqueiro”.

Rubido sinala que “como xa acontecera na catástrofe do Prestige, tiveron que ser os colectivos cidadás e as persoas voluntarias as que, en ausencia das institucións, saímos ás praias a loitar contra esta marea plástica”. Nesta liña, critica “a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan todos os anos diante das costas galegas e a práctica indefensión do noso litoral fronte aos riscos derivados deste tráfico”.

O representante do colectivo arousán  reclaman “á Xunta Galiza e ao Estado Español unha mínima coordinación para facer fronte ás consecuencias desta vertedura e unha maior transparencia na información ao público”. Asemade, esixen “transparencia na información ao público sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños”. Nesta liña, demandan que “se subministre ao voluntariado os medios de protección axeitados aos perigos do material que manipulan e os contedores específicos para a súa recollida”.

A opinión de Rubido é partillada polo presidente da Plataforma en defensa da ría de Muros e Noia, Roxelio Santos, quen explica a Nós Diario que “a convocatoria desta mobilización é un clamor de toda a sociedade, pero especialmente, do sector pesqueiro”. Nesta liña, advirte “dunha agresión as nosas costas” e demanda “medidas a Xunta da Galiza porque non queremos quedarnos sen sector diante dunha situación que revive o que xa vivimos co Prestige”.

Santos afirma que “todos os colectivos organizadores da mobilización demandados que a Xunta actúa xa é publique no Diario Oficial da Galiza (DOG) un plan urxente en apoio ao sector”. Neste sentido, entende que o mesmo debe recoller “un plan de rexeneración dotado economicamente para as rías galegas, un plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos e solucións para “os mariscadores e mariscadoras que quedan sen traballo  e sen poder facer fronte ás necesidades das súas familias” .

Crise do sector pesqueiro

A chegada dos vertidos de pellets á costa galega prodúcese nun momento delicado para a actividade do complexo pesqueiro nas rías galegas. Nesta conxuntura, destaca a complicada situación do sector marisqueiro, ocasionada pola forte mortalidade dos bivalvos, que obrigou a paralizar a actividade en áreas como a ría de Muros e Noia.

As causas desta situación responden a unha confluencia de factores, porén desde o sector quéixanse da posición mantida polo Goberno galego. Neste sentido, Rubido denuncia “o silencio e a pasividade da  administración que ten todas as competencias, a Consellería do Mar, que deixou podrecer a situación sen tomar medidas”.