"A competencia desleal é a das grandes áreas comerciais"

[Imaxes INMA G. ESCOURIDO]

Desde Fruga exixen a "suspensión inmediata" do decreto que restrinxe a venda directa en mercados e feiras locais. Denuncian que a medida "pretende acabar" con este modelo comercial tradicional.

 

O 30 de setembro de 2014 o Diario Oficial de Galiza (DOG) publicaba un decreto lei polo que se estabelecen restricións á venda de produtos agroalimentarios nas feiras, mercados locais e prazas de abastos. 

Segundo a Xunta o obxectivo desta norma é "regular" a comercialización de produtos como as hortalizas, verduras, froitas, mel, ovos, patacas ou setas. Mais desde a Federación Rural Galega (Fruga) aseguran que esta medida suporá "máis burocracia, papeleo e gasto" para o sector ao tempo que unha limitación para aquelas persoas, a maior parte xubiladas, que comercializaron tradicionalmente os produtos da súa horta como unha renda complementar para a familia. 

Neste senso, a organización agraria encetou unha campaña informativa coa que exixe a "suspensión inmediata" dun decreto que, denuncian, visa "eliminar unha parte dos produtores e produtoras que acoden aos mercados, xente maior que procura un complemento ás súas cativas pensións, coa desculpa dunha suposta competencia desleal". E é que estas persoas non están dadas de alta --as máis das veces-- como explotación e os produtos que comercializan non contan con selo ou etiquetaxe. 

Porén, desde a Fruga aseguran que "a competencia desleal non son os xubilados senón as grandes áreas comerciais" e "as grandes cadeas de distribución" cuxos produtos "non veñen directamente das nosas explotacións" mais son vendidos "como tales". 

"As grandes áreas son as responsábeis da nosa dependencia alimentar ao destruír as nosas producións agrarias negándolles a posibilidade de distribuílas no mercado, e foron as persoas maiores as que mantiveron vivos os nosos mercados e así poder ter un lugar onde vender as nosas producións", sinalan desde a Fruga. 

Un outro modelo agro-alimentar ao das grandes superficies

Así, demandan á Xunta que após suspender o decreto, abra "canles de diálogo co sector para buscar fórmulas de promoción e ordenamento da venda directa e, en xeral, das feiras e mercados da Galiza". Aliás, instan á "inclusión dos produtos elaborados (conservas, marmelos, pan,…) entre os susceptíbeis de seren vendidos nas feiras directamente polos produtores/as, de acordo coa nosa realidade". 

Doutra banda, reclaman a "modificación" e o "desenvolvemento, de ser o caso" da "Lei de promoción e defensa da calidade alimentar galega para dar cabida ás pequenas producións artesanais" ao tempo que a "elaboración dunha alternativa real ao modelo agro-alimentar das grandes áreas e superficies, comezando por facilitar o acceso à terra e á vivenda no rural de novos e novas produtores/as e a seguir coa promoción real e efectiva de feiras e mercados locais, nos que se facilite a presenza das nosas producións".