DECRETO APROBADO ESTE SETEMBRO

A Xunta restrinxe a venda directa de produtos primarios

Mercado Compostela [Imaxe: Inma G. Escourido]

Coa publicación dun novo decreto que regula a comercialización directa de produtos agrupecuarios, o goberno galego limitará a venda directa de froitas e verduras, mais deixa no ar que acontecerá con produtos elaborados como o pan e as conservas. 

 

O Decreto 125/2014 foi aprobado en setembro deste ano e a súa entrada en vigor está prevista para o 20 de outubro. Con esta norma, a Xunta de Galiza "regula" a venda directa de produtos primarios en feiras, mercados, prazas de abasto ou mesmo na propia explotación agropecuaria. Porén, @s produtor@s advirten que o decreto exclúe, de facto, a comercialización de produtos elaborados como o pan, as conservas ou os licores. 

Gabriel López é produtor de horta ecolóxica ás aforas de Compostela. As fórmulas de comercialización dos seus produtos --principalmente verduras e hortalizas, mais tamén algún cereal-- son todas directas. Para López, este decreto "non ten moito sentido" e pode mesmo "complicarnos máis a vida" a aquelas persoas que optan por unha outra maneira de vender os seus produtos. 

E é que coa nova normativa todas as explotacións que queiran comercializar directamente deberán rexistrarse nunha nova sección do Rexistro de explotacións agrarias de Galiza (Rega), denominada SEVEDI. Até aí, non habería problema.

O texto do decreto exclúe a comercialización de produtos elaborados como os licores, as empadas, o pan ou marmeladas

Porén, o decreto fixa 20 días de prazo para formalizar esta inscrición e, aliás, determina que categorías de produtos poderán ser comercializados. Neste senso, alertan @s produtor@s, a medida só contempla produtos como o mel, propóleo, xalea real, froitas, legumes, hortalizas, cereiais, ovos, patacas e setas, polo que exclúe de facto a venda de elaborados como as conservas, o pan, as empadas, marmeladas ou licores. 

"Nos mercados e feiras comercialízanse máis produtos", salienta este produtor compostelán ao tempo que critica o "descoñecemento" que reflicte a Xunta a respeito dos espazos de compra-venda tradicionais. 

Contámoscho todo sobre o novo decreto e a posición de produtores e consumidores no número 119 do noso semanario. Á venda por 1,99€ na nosa loxa.