Así será a nova Educación Primaria

Só se poderá repetir unha vez en cada ciclo e con carácter excepcional (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O Real Decreto que o Goberno estatal prevé aprobar esta terza feira sinala que o currículo será máis competencial, incluirá a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos, aumentará as horas en materias de ciencias en detrimento de Relixión e estabelecerá a perspectiva de xénero en cada unha das materias.
  1. Competencias chave
  2. Avaliación continua
  3. Sete materias por curso

O Goberno estatal levará esta terza feira ao Consello de Ministras o Real Decreto polo que se estabelecen a ordenación e os ensinos mínimos da Educación Primaria, un documento que fixa o currículo desta etapa segundo o decretado na LOMLOE e que se implantará para os cursos impares o próximo curso 2022-23 e para os pares no curso 2023-24.

Competencias chave

O proxecto de Real Decreto fixa un total de oito competencias chave que debe adquirir o alumnado ao remate do ensino básico. Trátase de competencia en comunicación lingüística; competencia plurilingüe; competencia matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría; competencia dixital; competencia persoal, social e de aprender a aprender; competencia cidadá; competencia emprendedora, e competencia en conciencia e expresión culturais.

O currículo tamén introduce unha novidade: o Perfil de Saída do alumno ou alumna, no que se concretan os principios e os fins do sistema educativo referidos ao devandito período, e cada materia ten as súas propias competencias específicas e saberes básicos que deben adquirir os nenos e nenas.

No que atinxe aos obxectivos desta etapa educativa, no borrador destácanse coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia; desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, e adquirir habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia, entre outros.

Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas por motivos de etnia, orientación ou identidade sexual, relixión ou crenzas, discapacidade ou outras condicións, son outros dos obxectivos.

Avaliación continua

O documento tamén se refire á avaliación do estudantado, que será "continua e global e terá en conta o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe". Ademais, propón que cando o progreso dun alumno non sexa o adecuado estabeleceranse "medidas de reforzo educativo", que deberán adoptarse "tan cedo como se detecten as dificultades" e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindíbeis para continuar o proceso educativo.

Ao final de cada ciclo, o equipo docente adoptará as decisións correspondentes sobre a promoción do alumnado de maneira colexiada, tomando especialmente en consideración a información e o criterio do titor. Só se poderá repetir unha vez durante a etapa e con carácter excepcional.

Nas actas de avaliación dos alumnos, os resultados expresaranse nos termos Insuficiente (IN), para as cualificacións negativas; e Suficiente (SU), Ben (B), Notábel (NT) ou Sobresaínte (SB), para as positivas.

Sete materias por curso

O Real Decreto sinala que os alumnos e alumnas de Primaria terán sete materias en todos os cursos: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, que se poderá desdobrar en Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais; Educación Artística, que se poderá desencartar en Educación Plástica e Visual, por unha parte, e Música e Danza, por outra; Educación Física; Lingua Castelá e Literatura; Lingua Galega e Literatura; Lingua Estranxeira; e Matemáticas. Ás áreas antes mencionadas engadirase, quer en 5º quer en 6º, a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos.

Todas elas impartiranse tendo en conta a perspectiva de xénero e fomentando a igualdade. A nova materia de Matemáticas na Educación Primaria é unha das que máis balbordo suscitou, ao incorporar a xestión emocional entre os saberes básicos. O Ministerio de Educación explica que eses "saberes básicos" estrutúranse en seis sentidos arredor do concepto de 'sentido matemático' e integran un conxunto de coñecementos, destrezas e actitudes deseñados de acordo co desenvolvemento evolutivo do alumnado.

"Manexar correctamente estas habilidades mellora o rendemento do alumnado en matemáticas, combate actitudes negativas cara a elas, contribúe a erradicar ideas preconcibidas relacionadas co xénero ou o mito do talento innato indispensábel e promove unha aprendizaxe activa. Para reforzar este fin, resultará esencial dar a coñecer ao alumnado as contribucións das mulleres ás matemáticas ao longo da historia", sostén o Executivo.

O novo decreto busca "combater os prexuízos" no Estado español contra o galego, o català, o euskera, o valencià e o asturianu

A respecto da materia de Lingua Castelá e Literatura, a primeira das competencias específicas oriéntase ao recoñecemento da diversidade lingüística e dialectal da contorna e do Estado español, "para favorecer actitudes de aprecio cara á diversidade étnica e cultural, combater prexuízos e estereotipos lingüísticos e iniciarse na reflexión entre distintas linguas, incluídas as linguas de signos".

Un segundo grupo de competencias relaciónanse coa produción, comprensión e interacción oral e escrita, incorporando as formas de comunicación mediadas pola tecnoloxía e atendendo o ámbito persoal, educativo e social; así como a alfabetización informacional. Aliás, prestarase "especial atención ao recoñecemento das mulleres escritoras" e abordaranse as prácticas comunicativas non discriminatorias, para "identificar e rexeitar os abusos de poder a través da palabra". A definición dos contidos de Lingua Galega e Literatura corresponde á Consellaría de Educación da Xunta da Galiza.

Outra das áreas que suscitou certa polémica é a de Educación en Valores Cívicos e Éticos, que algúns asimilaron á antiga materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. Neste caso, a proposta do Goberno estatal fixa entre os saberes básicos o pensamento crítico e ético; a educación afectivo-sexual; o significado de 'bo' e 'malo'; a influencia dos medios e as redes de comunicación, a prevención do abuso e o ciberacoso, e as condutas adictivas; os dereitos humanos, ou a empatía, o coidado e o aprecio con respecto aos seres vivos e o medio natural, entre outros.

Máis horas para as ciencias

Tamén se recollen modificacións no tocante ás horas de contido de cada materia. Así, Relixión —que coa LOMLOE non contará con "materia espello" nin contará para a nota media dos alumnos— tería 210 horas para toda Primaria —70 horas para cada ciclo—, é dicir, 90 horas menos se se compara coa LOE de 2006, aprobada polo Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Deste modo, impartirase unha hora á semana.

Tendo en conta a redución de 90 horas que sufriría Relixión, a materia que máis horas aumenta é a de Educación Artística, que se tiña 300 horas na LOE, agora tería 360. Mentres, a materia de Coñecemento do Medio sería impartida en 480 horas, en lugar de 465; Matemáticas tería 545 en toda Primaria, no canto de 535; e Lingua Galega e Literatura —así como Lingua Castelá e Literatura— sería impartida durante 840 horas, cinco horas máis.