Como salvar as prazas de abastos
A Coruña acolle desde esta quinta feira o primeiro Congreso de Mercados Urbanos no que representantes da Administración e comerciantes comparten experiencias para mellorar a xestión e competir coas grandes superficies e empresas de distribución. “Xa salvamos os mercados”, asevera Sergi Marí, responsábel municipal en Barcelona onde levan vinte anos, conta, investindo neles.“Aquí aínda estamos en proceso”, matiza Ángela Barrán, presidenta da asociación do mercado de San Agustín no que se celebran até hoxe os debates.
Aquí, en San Agustín, 60% dos postos están baleiros. Na cidade hai outros oito mercados, un deles, o das Conchiñas, de xestión privada, e case todos con baixa ocupación. Salvo o de Elviña, no que só quedan dous postos por adxudicar. O maior, o da praza de Lugo, reformado hai uns anos, tamén ten algo de turístico, situado nunha mazá en pleno centro con tendas de moda e mesmo unha gran distribuidora de libros e tecnoloxía. Tres están pendentes de reforma: os de Durmideiras, Monte Alto e Santa Lucía. En conxunto suman máis de catrocentos puntos de venda e dous terzos das concesións están en mans de mulleres. 55% da actividade é venda de peixe e de carne.
“A miña tataravoa vendía carne aquí, na praza dos Ovos, antes de que se construíra o mercado; foi a miña bisavoa a que comezou co peixe”, di Ángela Barrán despois dun café para tomar folgos após a conferencia de cinco responsábeis políticos de mercados municipais convidados polo Concello para contar aquí como se salva un mercado. Innovación e tradición, resume o cartel do evento.
Dous: proximidade. Tomiño contratou unha empresa (arquitectos, interioristas…) para definir o concepto de proximidade que debía ter a praza. A proximidade, o rol que se reserva aos produtores locais, suscitou debate entre o público. Alguén lamentou que se falase moito de achegar os mercados aos cidadáns e moi pouco de achegar o rural aos mercados urbanos. “É un problema de país, que facemos co rural é o principal problema deste país”, dixo a concelleira en Pontevedra Anabel Gulías, responsábel de Promoción da Cidade, Urbanismo e Mercado, “mais non se pode cargar a culpa do que non se fai sobre os concellos”. En Tomiño, o concepto sintetizouse en dúas illas: postos de terra, “unha das mellores hortas do país”, segundo explicou desde o público a deseñadora, e postos de mar, alí ao lado.
Tres: sostíbeis. O mercado de Compostela é a segunda atracción turística da cidade. Leva tres séculos alí. Os sábados está a rebentar de xente. “Catros mil clientes e 60% da venda de peixe e marisco na cidade”, di Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. “O noso problema é non morrer de éxito”. Desde o ano 2000 a xestión é compartida coa cooperativa de praceiras, unhas 70. Veñen de abrir a nave número 5. Dez novos postos, oito xa ocupados. Nos pregos as condicións eran precisas: elaboracións con dous produtos que se vendan na praza. Mais a nave 5 estase convertido nun espazo de bares e petiscos. “Non é funcional”, di Lois e confesa que ese non era o inimigo co que contaban, que era o turismo e, por agora, están conseguindo certo equilibrio, que o mercado continúe a ser tamén da veciñanza.
Cinco: humanizar as cidades. En Lugo, conta Rosana Rielo, a tenente de alcalde, o Concello xestiona o mercado e a praza, separados por unha rúa. Levan investidos máis de dous millóns e medio de euros en reformas. “Xa se dixo aquí, hai que crear espazos cálidos para a xente volver aos mercados, aproveitar o espazo interior e abrir os espazos exteriores, con rúas peonís, por exemplo”. Van construír unha cuberta na rúa Quiroga Ballesteros, a que separa o mercado da praza, para unilos. “Despois da etapa neoliberal na que se nos dicía que os mercados urbanos non eran rendíbeis, que había que pechalos, podemos dicir que hoxe temos salvado os mercados”, apunta Sergi Martí, xerente de Turismo, Comercio e Mercados do Concello de Barcelona. E di que levan máis de vinte anos investindo nos 43 mercados da cidade, que dan traballo a 7.500 persoas e producen un volume de negocio de mil millóns de euros cada ano. “Todo o que explicaron as responsábeis políticas que me precederon é o que hai que facer: innovar en actividades; crear un mix co entorno, a proximidade e a humanización; e promover a gobernanza das praceiras”.
Seis: liderado público. “Pode que a dereita non tirase cos mercados e se vise obrigada a investir neles polo valor arquitectónico, mais tanto ten, o caso é que foron salvados… non pasou o mesmo cos teatros, por desgraza”, opina Martí. “E todo iso desde o liderado público municipal, con planificación estratéxica”. Martí concede que as políticas se centraron até hoxe en lograr esa proximidade coa veciñanza e esqueceron os produtores. En Barcelona, conta, están tratando de avanzar nese outro camiño a través dos mercados verdes, mercados nos que os praceiros certifiquen un produto de proximidade, “con todas as dificultades que iso ten nunha gran cidade”. A estratexia, din as políticas volvendo ao principio, consiste en ver, escoitar e aprender até dar coa identidade precisa de cada mercado, “porque son unha forma de estar no mundo e non son exportábeis”, conclúe Lois.
Ángela Barrán, Leonardo Tomé, dos praceiros de Elviña, Delmiro Hermida, xerente nas Travesas en Vigo, e Luisa Valadas, da Associação dos Comerciantes nos Mercados de Lisboa, debaterán na mañá desta sexta feira no escenario de San Agustín na xornada de encerramento do congreso.
Fotografías (todas da autoría de E.D.):
1.-De esquerda a direita, Anabel Gulías, Sandra González e Marta Lois
2.-Ángela Barrán, presidenta da Asociación de Praceiras do mercado de San Agustín.
3.-Rosana Rielo, tenente de alcalde do concello de Lugo.
4.-Sergi Marí, xerente de Mercados de Barcelona.