Como afecta Ómicron as persoas vacinadas contra o coronavirus?

Test de antíxenos da Covid (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
A viróloga do CSIC Margarita del Val salienta que a situación epidemiolóxica é "francamente mellor" hoxe que antes da vacinación para as persoas inmunizadas; para quen non recibiu o fármaco, "non mudou nada", e mesmo aumentou a probabilidade de contaxios.

A reputada viróloga do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Margarita del Val reapareceu recentemente en televisión para aclarar as cuestións que máis dúbidas están a espertar a respecto da nova variante da Covid-19, Ómicron.

Malia que os contaxios están disparados, resulta "evidente" para a científica que o dano que ocasiona "non é o mesmo" que con variantes anteriores.

"A razón pola que Ómicron está a ser menos daniña é polos altos niveis de vacinación", explicou Del Val, que salientou, neste senso, que as persoas vacinadas están este ano "nunha situación francamente máis favorábel que o pasado ano".

O risco de contraer unha enfermidade grave por mor do contaxio do coronavirus, afirmou, é "dez veces menos" que antes de recibir o fármaco.

Mais, para quen non contan coa pauta completa da vacina, a situación non mudou: "Segue no mesmo risco, incluso máis, porque agora a probabilidade de que se infecten é superior á que había antes. Hai máis casos e Ómicron transmítese de forma máis doada", dixo.

"Cómpre lembrar que as vacinas non son infalíbeis e poden permitir que a xente se contaxie, máis con Ómicron que con Delta, e hai 5% dos infectados e vacinados que poden desenvolver unha doenza grave, e son os que hai que protexer especialmente. Son os que teñen un sistema inmunitario debilitado", salientou Margarita del Val.

A forma de protexerse do virus, subliñou, é evitar as grandes aglomeracións en espazos interiores e garantir o cumprimento das normas estabelecidas.