Comités pide ás universidades que fagan extensíbel os minutos de silencio a todas as vítimas

Imaxe do Campus de Ferrol [UDC]

"Apelamos a que se fagan cando haxa tanto francesas como curdas, sirias e palestinas", din nun comunicado.

 

Ao fío dos atentados en París o pasado 13 de novembro a organización estudantil Comités emitiu un comunicado público no que pide explicacións ás tres universidades galegas polos minutos de silencio gardados en recordo ás vítimas. 

Neste senso, amosan a súa "solidariedade" coas persoas asasinadas e "condenamos o atentado". Porén, acrecentan, "tamén condenamos o resto de ataques e atentados contra poboacións civís que suceden diariamente no mundo, como aconteceu en Ankara o pasado outubro contra o pobo curdo, como está a acontecer continuamente en Palestina" ou "na propia Siria". 

A organización estudantil entende que "se a partir de agora se van facer minutos de silencio por atentados internacionais" reclaman que "se fagan cando haxa tanto vítimas francesas, como vítimas sirias, curdas, palestinas". Do contrario, afirman, "intentando amosar a nosa solidariedade, estaremos faltando ao respecto a miles e miles de persoas" das que "a nosa sociedade semella non se lembrar moi amiúdo".