Comités, Liga e Agir lanzan 'Asembleas de Base' cara a unha organización estudantil única

[Asembleas de base]

O proceso apresentado visa construír un axente "nacional, plural, amplo, sen exclusións, democrático, popular e feminista". Vídeo no interior. 


Comités, Liga e Agir, presentaron esta cuarta feira (2 de setembro) o "proceso de unidade" co que visan constituír unha única organización estudantil. Unha "nova vía", sinalaron en comparecencia de imprensa, para "representar o estudantado galego" que vén a dar continuidade aos "actos, actividades e mobilizacións" que durante os últimos cursos académicos viñeron convocando de maneira conxunta. 

Porén, segundo sinalaron, o proceso iniciado non queren que se reduza ao ámbito das tres formacións estudantís "senón que sexa un proceso aberto no que se xunten estudantes de ensino medio, universitario e de Formación Profesional" cara á un movemento estudantil "plural" na que "caibamos todas". 

"Queremos un ensino que non nos ensine a ser precarias ás que temos menos recursos"

O obxectivo, explicaron, é sentar as bases dunha "organización nacional" que teña como "marco de actuación e pensamento" a Galiza, "plural", "ampla", "sen exclusións", "democrática", "popular" e "feminista" que sirva ao estudantado galego como "ferramenta" para conquerir "un modelo de ensino máis xusto", "antipatriarcal" e "a favor da maioría social". 

Un "modelo de ensino", subliñaron, que estea "adaptado ás nosas necesidades", a comezar polo estabelecemento dunha "única universidade enraizada no país". "Queremos un ensino que non nos ensine a ser precarias ás que temos menos recursos", afirmaron. 

Para dar pulo ao proceso de unidade iniciarán "asembleas de base" que dependendo das circunstancias se artellarán por centros, localidades ou comarcas "nas que se debaterán as bases e liñas da nova organización". Un proceso "aberto" de "debate" que culmine, neste curso académico, cunha organización alicerzada no "soberanismo, a cuestión de clase e o feminismo".