Cambio de nivel de restricións en Lugo, Pontevedra e outra vintena de concellos galegos

(Foto: Europa Press)
16 municipios de diferentes comarcas, baixo vixilancia. 

O conselleiro de Sanidade compareceu após a xuntanza do subcomité de expertos e anunciou que Lugo pasa do nivel máximo a nivel medio de restricións, mentres que Pontevedra e Poio pasan a nivel medio-alto. Así pois, hai un alivio das restricións en ambas as dúas cidades. En Lugo a hostalaría poderá estar aberta ao 40% en interiores e 50% en terraza ata as 23:00 horas -e agrupacións de até seis persoas-. En Pontevedra e a súa área, a hostalaría poderá estar aberta até as 17:00 horas, 30% de aforo interior e 50% exterior e grupos de até catro persoas.

García Comesaña adiantou tamén que o subcomité ía propoñer que saísen das limitacións os concellos de Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana e Malpica, así como Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia, que pasan a nivel básico. Estes municipios pasan a 'nivel básico', con apertura do peche perimetral e hostalería ao 50% en interiores e 75% en terrazas -e grupos de ata seis persoas-.

Pola contra, Narón iguálase con Ferrol en nivel medio-alto e O Porriño súmase ás restricións do nivel medio-alto da comarca de Vigo.Aquí, logo, a hostalaría poderá abrir até as 17:00 horas, con 30% de aforo interior e 50% exterior e grupos de até catro persoas.

Increméntanse as restricións en Sarreaus, que pasa a nivel medio-alto coa Rúa. Camariñas e Zas incorpóranse á améndoa de Vimianzo, e Tomiño e O Rosal entran nas restricións da Guarda.

En situación de vixilancia sitúase a 16 concellos de diferentes comarcas:  Abegondo, Neda, Ordes, Vilagarcía, O Barco, Rodeiro, Verín, Bueu, Santa Comba, A Baña, Mazaricos e Negreira e os 4 municipios da comarca do Barbanza: Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Desde o comité indicaron que a evolución da pandemia na Galiza mantén unha tendencia descendente. En dúas semanas reduciu un 36 % a incidencia acumulada a 14 días. 

"Esperanzas"

Onte mesmo, quinta feira, o propio presidente da Xunta,Núñez Feixoo, trasladou as súas "esperanzas" de que se poida abrir a hostalaría en zonas da Galiza nas que hai "restricións máis severas" e mesmo ampliar os horarios de apertura noutras nas que xa se procedeu a autorizar a reapertura con límites.