As reunións de non conviventes en domicilios volverán estar permitidas a partir do sábado

Xente paseando con máscara na rúa San Pedro, en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un máximo de 4 non conviventes no interior e de 6 no exterior. O mapa de novas restricións en concellos entrará en vigor mañá, quinta feira.

Da noite do 9 ao 10 de abril, da sexta feira ao sábado, volverán permitirse as reunións e xuntanzas de non convivintes en domicilios, con 4 persoas non conviventes de máximo no interior e seis no exterior. Así o vén de anunciar o conselleiro de Sanidade, García Comesaña.

Deste modo, Galiza volve ao esquema previo á Semana Santa, durante a cal estiveron limitados os encontros de persoas que non conviven xuntas a que se producisen no exterior. Así, poderán celebrarse reunións de non conviventes en domicilios até un máximo de catro persoas. En exteriores, o máximo seguirá sendo de seis persoas por encontro.

Ademais, a partir do sábado tamén se poderá viaxar en coche con persoas non conviventes

2,6% dos anciáns e anciás de máis de 80 anos citados rexeitaron recibir a vacina: por volta de 6.000 persoas

O cambio de criterio entrará en vigor na medianoite da sexta feira 9 ao sábado 10 de abril.

Comesaña tamén informou do proceso de vacinación na Galiza: vacináronse 203.596 maiores de 80, o 87 % da poboación desa franxa de idade, "bastante por  riba da media española", dixo.

A esta porcentaxe hai que engadir, sinalou, un 2,63 % que rexeitaron a vacina, por volta de 6.000 persoas. Entre o 7 e 8 % de galegos cando se lle ofreceu a vacinación en centros de saúde rexeitaron esa posibilidade.

Aqueles anciáns e anciás de 80 anos que quedasen sen vacinar e non por renunciar á vacina) terán un teléfono: 881 00 20 21, para  tramitar a súa cita entre as 8:00 e as 21:00 horas, de segunda a sexta feira. 

Fechados

Os concellos da Pobra do Caramiñal e do Grove estarán en restricións máximas desde a quinta feira  (e non a sexcta feira, como se dixo nun principio) cando quedarán fechados  perimetralmente e coa hostalería só con servizo a domicilio, 20 días despois da ponte de San Xosé e ao pouco de rematar a Semana Santa.

Ademais, esta terza, 6 de abril, o comité clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada polo coronavirus acordou tamén estabelecer o nivel alto de restricións en seis concellos, nos cales o interior da hostalaría deberá fechar e só se poderán utilizar as terrazas cunha capacidade de 50%. Trátase dos municipios da Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, a Illa de Arousa e Carral.

Pola súa banda, no nivel medio de restricións estarán os municipios de Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña, Baiona e Boimorto. O nivel medio permite 30% de capacidade no interior e 50% en exterior.