O Comité Intercentros da CRTVG pide a retirada do programa Land Rober por un caso de violencia machista

Roberto Vilar, no Land Rober (Imaxe: CRTVG).

O Comité Intercentros da CRTVG exixiu na tarde da sexta feira a retirada do programa Land Rober, após “a espectacularización e tratamento morboso que se fixo dun caso de acoso”.

Acrecéntanse as reaccións após o episodio de acoso machista no programa Land Rober da TVG, que na noite da quinta feira expuxo de maneira pública unha muller que “acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas".

A afectada “tivo que soportar que os condutores do programa a sorprenderan coa presenza do seu ex mozo, que lle pedía retomar a relación”, explica o comité nunha nota de prensa enviada aos medios.

“A aberración continuou até que a muller relatou a situación de acoso á que a sometía a súa ex parella, revisándolle o teléfono, obrigándoa a deixar o seu traballo, impedíndolle manter as relacións de amizade coas persoas que formaban parte da súa contorna”, relata o colectivo.

Un programa que pasa previamente pola sala de montaxe

O feito, acrecenta a nota de prensa, “viuse agravado por ser un programa que se emite con retardo e que previamente pasa pola sala de montaxe”. “Nesa montaxe definitiva, ademais, suprimiuse o momento no que o ex mozo entra no plató. Isto bate frontalmente coas recomendacións do Consello de Administración sobre os contidos de violencia machista aprobadas en 2015 e contra os propios principios da Lei de Medios Públicos Audiovisuais da Galiza.

O Comité Intercentros exíxelle á Dirección da CRTVG a supresión do programa e advirte de anteriores “contidos machistas”, que non deberían ter cabida nos medios públicos. “Na TVG xa se emitira unha promoción na que o seu presentador, Roberto Vilar, anunciaba a volta do programa á pantalla da TVG na que intentaba convencer a audiencia de que era “mellor ver Land Rober que pegar a unha vella”.

“Pedimos que a CRTVG asuma a responsabilidade neste asunto de especial gravidade e cese ao director de Contidos, e de non ser así exiximos a dimisión do director xeral”, afirma o Comité Intercentros, que urxe o ente público a “controlar os seus propios contidos recuperando a produción propia ou a través da figura de produtor delegado nos programas de produción allea”.

A reacción do Comité Intercentros chega após denunciar a Marcha Mundial das Mulleres que o programa non valorase en ningún momento "o consentimento desta muller ante a petición dunha ex parella de reunirse de novo con ela mediante o programa". Non se aseguraron, di o colectivo feminista, de "que non existían problemas entre esas persoas que pretendían reunir".

A historia, que serviu de gancho ao longo de todo o programa, expuxo a muller "a unha presión continuada, visíbel a través dos seus xestos e mais das palabras".