Denuncian un episodio de violencia machista no programa 'Land Rober Tunai Show' da TVG

"Estamos fartas de que nos violenten", reza o lema da Marcha Mundial das Mulleres que acompaña esta imaxe.
O movemento feminista galego censura nas redes sociais o programa da televisión pública 'Land Rober Tunai Show' polo episodio de violencia ao que someteu unha muller na emisión desta pasada quinta feira ao favorecer que se encontrase cun ex-compañeiro baixo a premisa de "facer triunfar o amor" malia afirmar desde o primeiro que non ía volver con el.

A indignación percorre as redes sociais, as primeiras en advertir da emisión dun "episodio de violencia" machista no programa 'Land Rober Tunai Show' da TVG, no que unha muller "que acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas" se viu exposta publicamente.

A denuncia da Marcha Mundial das Mulleres aglutina o anoxo que circula polas redes desde primeira hora desta sexta feira tras a emisión a pasada noite do programa que presenta na televisión pública da Galiza Roberto Vilar, ante o que consideran unha agresión á intimidade dunha muller en horario de máxima audiencia. 

Violencia previa

Nun comunicado que convidan a compartir e dirixir aos máximos responsábeis do programa mais da TVG, a Marcha Mundial das Mulleres rexeita a situación vivida por unha moza do público á que buscaban darlle unha "sorpresa" tratando de que se reencontrase coa súa ex parella, "un home que a agredira previamente" e con quen rompera por controlala.

"Os responsábeis deste programa de televisión non valoraron en ningún momento o consentimento desta muller ante a petición dunha ex parella de reunirse de novo con ela mediante o programa", explican no texto, nin se aseguraron de "que non existían problemas entre esas persoas que pretendían reunir".

A historia serviu de gancho ao longo de todo o programa e segundo relatan, expuxo a rapaza a unha presión continuada, visíbel a través dos seus xestos mais das palabras.

"Unha vez máis vemos a irresponsabilidade dos medios de comunicación que ignoran sistemáticamente a necesaria prevención á hora de colocar ás mulleres neste tipo de situacións”, engade a Marcha Mundial das Mulleres.

Na mesma liña, manifestouse o colectivo Xornalistas Galegas, que na súa conta de Twitter censura "a banalización de comportamentos machistas en prime time da televisión pública". 

O relato da muller

Despois de dúas horas de emisión, a muller revelou, nerviosa, entre risas e bágoas, as súas vivencias con quen quería pedirlle unha segunda oportunidade: "ti estarías cunha persoa que nun ano e medio, aos dous meses, empezou a mirarche o móbil, que perdiches todos os teus amigos por estar con el, que deixas un traballo estupendo por irte con el. Eu tardei un ano e medio en decatarme, pero xa que me decatei, volver para atrás é tontería", confesou en presenza de Roberto Vilar e da presentadora Toñi Moreno, convidada ao programa.

Foi Moreno quen sinalou as palabras da moza para asegurar que "isto é mellor que calquera campaña de concienciación contra a violencia de xénero", momento no que Vilar recoñeceu a "torpeza" do programa ou darlle crédito ás intencións do mozo que se dirixiu a eles para que exercesen de mediadores e someter a muller a un "atraco".

A historia audiovisual ten escrito páxinas moi negras en relación a colaborar con agresores para voltar colocar ás persoas violentadas en situacións comprometidas e semella que segue sen entenderse a necesidade de non acceder a ningunha petición que non conte coa aprobación da outra persoa ou persoas involucradas", conclúe a Marcha Mundial das Mulleres polo que solicitan á CRTVG que dispoña "os medios necesarios para que ningunha muller volva vivir este tipo de situacións”.

O BNG leva o asunto ao Parlamento

A deputada do BNG, Olalla Rodil rexistrou unha pregunta urxente no Parlamento galego para pedir un pronunciamento da CRTVG e do programa Land Rober polo acontecido.

Para o BNG, o acontecido no programa Land Rober non pode pasar como unha anécdota e exixe responsabilidades pero tamén unha reflexión sobre os contidos que difunde a programación dos medios públicos. "Non é a primeira vez que este programa en concreto foi duramente criticado pola banalización da violencia, 'É peor pegarlle a unha vella' ou a imaxe estereotipada que transmite revestida de show.