O Comité Intercentros da CRTVG pide explicacións sobre a "inaceptábel" calidade do programa 'TanxuFesta'

Un intre da retransmisión da 'Tanxufesta' (Foto: CRTVG).
O persoal dos medios públicos representado neste órgano exixe á dirección coñecer o custo da retransmisión e do desprazamento de cinco persoas a Benidorm, os medios técnicos e persoais empregados e o criterio co que se elixiron as persoas colaboradoras.

O Comité Intercentros da CRTVG vén de reclamar explicacións á dirección da corporación pública a respecto da 'TanxuFesta', un programa emitido o pasado sábado de forma simultánea a través da canle de TDT, a Radio Galega e as plataformas Twitch e Youtube. Para o persoal integrado neste comité, "dita retransmisión carecía do mínimo estándar de calidade que se lle exixe a un medio de comunicación público".

Neste senso, apuntan que a participación das Tanxugueiras no Festival de Benidorm, "malia ser un produto de RTVE, tiña interese para a audiencia galega", mais "non se realizou coa profesionalidade que require unha emisión deste tipo". Cómpre lembrar que a cota de pantalla (share) da final do certame alcanzou na Galiza 49,5%.

"Lamentamos que a proposta innovadora que cualifican de histórica dera unha imaxe inapropiada, carente de calidade, cuns contidos realmente inaceptábeis que nada teñen que ver cun formato televisivo, ata o punto de que a audiencia tivo que ver comentarios de mal gusto en pantalla pola falta de moderación das profesionais que estaban á fronte desa emisión", sostén o Comité Intercentros.

O evento, din, "non estaba axeitadamente preparado nin contaba coa produción que exixe unha retransmisión en directo". Por iso, sinalan que "o que puido ter sido histórico demostrando a profesionalidade das traballadoras deste medio público converteuse nunha conversa groseira en ton ata vulgar que avergoña a calquera creadora de contido".

A CRTVG, que se gabou dos bos resultados desta retransmisión simultánea en catro plataformas, "debería preocuparse pola proxección social que se está a transmitir á nosa fiel audiencia e pola responsabilidade que ten como empresa pública", insisten desde este organismo.

Con todo, o comité nega que pretenda "cuestionar" a proposta de "experimentar con novos formatos e perfís para o entretemento na era da revolución tecnolóxica", mais si quere "velar por que eses novos perfís e contidos que se transmiten cumpran coa profesionalidade e a calidade pola que a CRTVG é o medio de referencia das galegas e galegos".

Eivas técnicas e profesionais

Por todo isto, o Comité Intercentros exixe á dirección da corporación explicacións sobre como se produciu o programa, "se é que contou con produción propia", con que medios técnicos e persoais contou ou cales foron os gastos de desprazamento de cinco persoas a Benidorm "para emitir sen gravar imaxes cunha cámara de televisión en formato broadcast".

"Nin sequera se fixo unha entrevista en condicións ás Tanxugueiras", engaden, en alusión a que as pandeireteiras apenas puideron comunicarse co equipo de xornalistas da 'TanxuFesta' polos problemas de conexión e as eivas técnicas.

Por outra parte, urxen coñecer os criterios con que se elixiron ás e os colaboradores do programa e o seu gasto, "en caso de habelo".  "Nun momento de asfixia na contratación para substituír ao persoal que se atopa en incapacidade temporal e que está a xerar dificultades para cubrir outros feitos tamén de interese informativo, é cuestionábel que a CRTVG conte con colaboracións de dubidosa profesionalidade e coñecemento sobre a función que debe cumprir un medio de comunicación público", censuran.