A FOLGA ALTERA A PROGRAMACIÓN

O comité de greve cifra en 80% o seguimento do paro na CRTVG

Cedidas

A folga alterou a programación normal, obrigando a suspender o magazine ‘A Revista’.  Hai novos paros convocados para os días 22, 24, 26, 28 e 30 deste mes, e tamén o 2 de decembro.

“Estamos moi satisfeitos, a valoración que facemos desta primeira xornada de paro positiva”. Fontes do comité de greve da CRTVG, a preguntas de Sermos Galiza, cifraron en 80% o seguimento da folga de dúas horas por quenda que tivo lugar este 20 de novembro. En delegacións como a de Ourense, informan, ese seguemento chegou a 100%. A pesar do que cualifican como "servizos mínimos abusivos” —foron recorridos polo comité intercentros por entender que son abusivos—a greve deixou pegada, salientan desde os sindicatos.

 

Así, o paro do persoal fixo que non puidese emitirse o magazine ‘A Revista’, que foi substituído pola emisión do programa Xantar e a redifusión do especial da voda da filla de Amancio Ortega. “Tiveron que poñer un scroll dicindo que a programación se vira alterada” pola folga na televisión e radio pública, informan desde os sindicatos. O que para o comité de greve “é todo un pequeno éxito” pois foi alterada a normalidade e a audiencia puido percatarse de que se estaba a producir unha acción reivindicativa, “visibilizouse a folga perante a sociedade”. Lembran desde o comité que a lei establece que os servizos mínimos están para garantir o dereito á información esencial, non para que non poida ser alterada a grella da televisión.

 

A media mañá decorreu unha concentración de traballadores e traballadoras na sede central da CRTVG, en San Marcos, Santiago de Compostela. Tras a faixa na que se reclamaba “unha radiotelevisión pública ao servizo de Galicia”, as persoas manifestantes informaron dos motivos da greve. Esta quinta feira está convocada a segunda xornada de paros no marco das mobilizacións. A empresa convocou o comité de folga para as 10:00 horas dese día.

 

Durante os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 deste mes, e tamén o 2 de decembro, a greve vaise materializar en paros de 2 horas por quenda, afectando todas as quendas. Xa en decembro, a protesta vaise substanciar nunha folga de 24 horas, que será convocada a cuarta feira 19 de decembro, xornada na que se realizará unha manifestación cuxo percorrido e horario está aínda por determinar. O sábado desa mesma semana, 22 de decembro, día da lotería estatal, as traballadoras que prestan servizos na quenda de fin de semana tamén estarán convocadas a parar (na proporcionalidade horaria dunha xornada de greve de 24 horas que lle corresponde a esta quenda especial).

 

Puntos

 

A táboa de reivindicacións e motivos desta greve toca diferentes cuestións. “A agresión aos medios públicos é moi grande e toca moitos paus”, afirma Raquel Lema, do comité de greve.

 

Así, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantimento do emprego. A defensa da CRTVG como medio público e independente tamén é unha das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.