Comité de CRTVG exixe “responsabilidades” pola “vulneración da neutralidade informativa”

CRTVG

Considera que a resolución da Xunta Electoral demostra “a manipulación que veñen denunciando os sindicatos e o persoal”.

O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe que se depuren responsabilidades na CRTVG logo de que a Xunta Electoral Central ratificase a resolución dese organismo na Galiza, que considera probada a vulneración dos principios de neutralidade, igualdade e pluralismo político na información ofrecida logo dunha denuncia do BNG.

Para a maioría da representación sindical, “as prácticas de manipulación promovidas pola dirección da CRTVG non só violan principios deontolóxicos da profesión xornalística, senón que están a desacreditar irreversibelmente os medios públicos en beneficio de inaceptábeis intereses persoais e partidistas.”

Para os sindicatos, a resolución das xuntas electorais "non poden pasar inadvertidas", e deben ter consecuencias sobre as persoas responsábeis de causar ese descrédito, “comezando polo propio Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que sistematicamente nega en Comisión Parlamentaria a existencia de prácticas manipuladoras, malia as queixas dos grupos da oposición”.

O Comité entende que o posicionamento da Xunta Electoral demostra que a CRTVG “está a vulnerar os principios xerais da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, así como o obxecto do servizo público, o réxime especial electoral, o pluralismo democrático e o dereito de acceso aos que obriga a devandita norma”.