O Comité Clínico rexeita retirar xa a máscara pero adaptará a norma de grupos a todos os ámbitos

Unha reunión do comité clínico, nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O grupo de expertas que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia da Covid-19 participará esta terza feira nun novo encontro coa Xunta para analizar que actividades teñen que ter máximos de participantes e cales poden prescindir desta limitación. Sanidade procurará “un criterio homoxéneo”.

As e os membros do Comité Clínico volven sentar nesta terza feira con representantes da Xunta para avanzar na adaptación das novas limitacións e protocolos á situación epidemiolóxica actual. O obxectivo fundamental da reunión vai ser aclarar a norma dos grupos de 15 persoas que se estabeleceu a semana pasada para as terrazas dos estabelecementos hostaleiros.

Malia os anuncios das últimas semanas, non está previsto que o grupo asesor analice a posibilidade de permitir abandonar a máscara en espazos exteriores cando se garanta o espazo de seguridade con outras persoas. Así o confirmou na segunda feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que centrou o contido da cita en adaptar a norma dos grupos a todas as actividades.

“Queda pouco tempo, pero aínda temos que mantelas”, destacou o representante do Goberno galego sobre o complemento de seguridade máis empregado.

O que si se pretende é adaptar a limitación de reunións de grupos de 15 persoas nalgúns ámbitos, mentres que noutros desaparecerá o tope.

Para García Comesaña, xa se deu “un salto importante” a semana pasada dando a opción de incrementar o uso das terrazas -malia que non en todos os lugares foi posíbel porque non se respectaban as distancias estipuladas en relación a outras mesas-, mais agora é preciso contar cun “criterio homoxéneo”.

"Trátase de homoxeneizar e trasladar os criterios que fomos aplicando desde a semana pasada á maior parte de actividades. O límite de 15 esténdese a todas as actividades onde teña sentido e ao revés, onde non hai límite”, aclarou o responsábel de Sanidade.

Engadiu: “É unha forma de harmonizar todas as instrucións á nova situación". Porén, non haberá máis modificacións na hostalaría, de momento.

Análise das consecuencias

Pola súa parte, a xefa do servizo de anestesioloxía e reanimación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Mariña Varela Durán, advertiu que “a velocidade da retirada das medidas darana os datos epidemiolóxicos”.

É dicir, aínda hai que “estudar” o impacto que tiveron os pasos dados na desescalada a partir deste pasado sábado para saber a onde camiñar con garantías de que o coronavirus non volve agromar con forza.

"Como facemos sempre, revisaranse os protocolos para avanzar no estudo de medidas posteriores que se poidan levar a cabo", engadiu a experta, que considera que "hai que ser prudentes".