O comité clínico quer camuflar a súa compoñente política: “A nosa cor son os nosos pacientes”

Rolda de prensa da Consellaría de Sanidade, en imaxe de arquivo, anunciando medidas acordadas no Comité Clínico. (Foto: Europa Press)

Reivindica o seu traballo "altruísta" despois das informacións que evidenciaron que a metade dos seus membros son cargos políticos.

Tocou hoxe ao conselleiro de Sanidade saír a defender o traballo “altruísta” do comité clínico da Covid. O organismo estivo estes días no centro do debate despois das informacións que sinalaban a súa compoñente política e iso non gosta na ponte de mando do Goberno galego, que ten como prioridade que a opinión pública perciba este órgano como un comité “técnico” e estritamente profesional.

Así, o conselleiro García Comesaña falou dun traballo "altruísta e voluntario" dos profesionais do comité clínico. "A nosa cor só ten un nome: son os nosos pacientes e profesionais", defendeu o doutor Manuel Vázquez Lima, membro do mesmo. José Manuel Vázquez Lima, por certo, coordinador de Urxencias Hospitalarias da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e cuxas críticas á xestión da pandemia por parte do Goberno do Estado teñen atopado acubillo en diversos medios de comunicación. Presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (Semes), realizou numerosas declaracións contra o recentemente dimitido ministro de Sanidade, Salvador Illa, e contra o director do centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón.

Vázquez Lima hoxe quixo defender o comité perante, dixo, os "distintos comentarios estes días". A que se refería?

Quen é quen?

A reportaxe ‘Quen é quen no comité clínico’ de Nós Diario destapaba que 47% dos seus membros son cargos políticos. Jorge Aboal e Carmen Durán son dúas das caras máis recoñecidas do órgano. O primeiro, ligado de vello ao Partido Popular, xa ocupou cargos de responsabilidade política na Xunta da Galiza durante a etapa de Manuel Fraga. Durán ten exercido nos últimos tempos como portavoz do comité. Farmacéutica de formación, a maior parte da súa actividade profesional realizouna como directiva do Sergas na Xerencia da área sanitaria da Mariña ou na propia estrutura central da Consellaría.

O responsábel do feche do paridoiro de Verín e a curmá de Feixoo, concelleira do PP nos 90 e que como xerente da área de Compostela sinalou nunha entrevista en 2020 que o coronavirus expandiuse entre os sanitarios “non polo traballo no hospital” e que estes o transmitiron aos seus compañeiros nas salas de café dos centros de traballo.

Día despois de se publicar esta información, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública considera que "falta persoal experto en pandemias" nese comité e que "20 de 26" membros do comité "defenden intereses persoais".  Alertaba, en definitiva, da "forte carga política" do comité de expertos que asesora a Xunta para a xestión da pandemia.

Unha cuestión esta, a carga política, que desde a Xun ta desexan disimular.