O Comité Clínico pon Pontevedra e oito concellos máis en nivel medio de restricións

Vista dunhas terrazas (Foto: Europa Press)
Este sábado Carnota e Sarria pasan a nivel alto de restricións. As medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Cambre, Castroverde, Oia, Barro, Cambados, Poio, Pontevedra, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.

O Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia acordou esta terza feira, 29 de xuño, pór en nivel alto de restricións os concellos de Carnota e Sarria. Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Cambre, Castroverde, Oia, Barro, Cambados, Poio, Pontevedra, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Os restantes  concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas do próximo sábado, 3 de xullo. 

A Xunta non descarta endurecer as restricións

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, advertiu de que, se o requiren os datos -por exemplo nas zonas máis afectadas por casos asociados ao "megasurto" de Mallorca-, endureceranse as restricións. O protocolo da pandemia, dixo, está "vixente" e non quedou "derrogado" porque sexa "verán", á vez que incidiu en que a Galiza empeorou o seu cociente de incidencia, que estaba entre os mellores do Estado español.

Así pois, concluíu que se algunha zona, municipio ou cidade alcanza os valores que así o determinan seguirase o protocolo e endureceranse as restricións

Aumentan a 1.579 os casos activos de coronavirus

Os datos publicados este 29 de xuño por Sanidade amosan que os casos activos de Covid-19 seguen en ascenso na Galiza por sexta xornada consecutiva, situándose en 1.579, é dicir, 72 máis que na xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (121) que altas (48). Os novos contaxios mantéñense así por encima dos 120. Ademais Sanidade notificou un novo falecemento acontecido no domingo, após tres xornadas sen decesos.

Este novo falecemento corresponde a un home de 47 anos que se atopaba hospitalizado na Coruña. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia na Galiza ascenden en total a 2.436, e os contaxios a 129.476. Deles, 31.144 contabilizáronse na área da Coruña, 25.498 na de Vigo, 20.247 na de Santiago, 16.004 na de Ourense, 14.610 na de Pontevedra, 13.224 na de Lugo, e 8.749 na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR a Galiza mantense en 3,28%. O pasado 25 de xuño excedeu a barreira de 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, limiar que non se superaba desde 15 de febreiro.