O Comité Clínico non descarta endurecer as restricións na área de Pontevedra

A Garda Civil vixía as medidas de seguridade nos locais de lecer nocturno de Sanxenxo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

As e os expertos que forman parte deste grupo asesor da Xunta na evolución da pandemia ven con preocupación a situación epidemiolóxica na contorna. Igualmente, levarán ao encontro da terza feira o estudo das cifras ligadas á reapertura do lecer nocturno.

A reunión do Comité Clínico e representantes da Xunta para analizar a evolución da pandemia na Galiza prevista para esta terza feira volverá a decorrer nun marco de tensión. As e os expertos -35 asesores están dentro do colectivo- recoñecen que os datos da comarca de Pontevedra son "preocupantes" malia elevar parcialmente as restricións após o foco de contaxios da Covid-19 derivado das excursións de fin de curso a Mallorca e a participación nun botellón masivo e sen medidas sanitarias.

Dadas as circunstancias, e malia que os negocios tiveron que adaptarse á situación xa a semana pasada, desde o comité non descartan verse na obriga de elevar outro chanzo máis as prohibicións para a contorna.

De ser así, é dicir, de non puntualizarse determinadas limitacións e mover en bloque determinados concellos ás máxinas restricións volverían os fechamentos perimetrais que desapareceron hai semanas.

A doutora Mariña Varela, xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do hospital de Pontevedra, explicou que no encontro haberá especial atención ás informacións que cheguen desde Pontevedra "e outras zonas de Galicia".

Sen falar claramente de ningunha medida, a facultativa avanzou que a idea é seguir aplicando a "prudencia" e estabelecer actuacións "cirúrxicas" para aplacar os brotes e a subida "exponencial" da incidencia entre determinados sectores da poboación, os que non están vacinados.

Idade e lecer nocturno

"Existen incertezas, preocupación por esta onda de pacientes nestes tramos de idade", confirmou, mais o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, descartaba na segunda feira -de momento- adiantar á mocidade deixando a un lado á poboación entre 30 e 39 anos.

Neste contexto, a recomendación da especialista é a "prevención". Por exemplo, que se dea continuidade ao uso da máscara e que se reduzan as interaccións sociais na medida do posíbel.

Por outra parte, a participante no comité alertou de que outro asunto a tratar será o que leve a analizar o resultado dos primeiros días de actividade do lecer nocturno nos distintos municipios. O permiso é para abrir até as 3 da madrugada pero nin todos os locais abriron nin hai que rebaixar a atención porque "o virus segue aí".