O comité clínico estuda relaxar restricións no Carballiño e dúbida do cumprimento das medidas en Lugo

Vivendas ás beiras da muralla de Lugo (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez)

Sanidade pon o 4 de decembro como horizonte para levantar os peches. Preocúpalle a presión asistencial co incremento dun 9,3% dos pacientes que terminan en UCI,.

A evolución epidemiolóxica no Carballiño podería supoñer a  flexibilización das medidas restritivas impostas desde máis dun mes neste concello. Unha decisión que a vindeira sexta feira estará sobre a mesa do comité clínico para a xestión da pandemia na Galiza, que se atopa en proceso de elaboración dun documento que guiará a poíbel saída dos concellos das restricións máis severas.

Así o dixo o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, en rolda de prensa hoxe acompañado por varios dos membros do comité clínico, que incidiron na necesidade de que, desde a responsabilidade individual, se cumpran as medidas impostas para frear a expansión da pandemia.

Deste xeito, o concello posto como 'modelo' polo comité clínico para a adopción de  restricións especiais, O Carballiño, podería converterse no primeiro en abandonar o grupo de localidades que se atopan pechadas  perimetralmente (algunhas en conxunto con outras localidades lindeiras) e cos  establecementos de hostalería clausurados.  

A evolución epidemiolóxica, cunha baixada de casos, e as características da zona, son as claves apuntadas para a posíbel saída do Carballiño deste grupo.

Unhas medidas que afectan  nestes momentos en 68 concellos galegos, aos que sumará na madrugada desta quinta Sanxenxo, que compartirá peche perimetral co Grove.

O comité clínico fixa como horizonte o 4 de decembro, cando se pasaría o mes establecido para estudar a efectividade das medidas, como data na que podería empezar a levantarse restricións no resto de Galiza.

Segundo o conselleiro, a situación epidemiolóxica mellorou en toda a Galiza urbana agás Vigo e Lugo, onde se detecta un grao de transmisión do virus máis elevado que na media galega.

Mentres que na urbe olívica atribúese esta situación aos surtos detectados en dúas residencias de maiores, o conselleiro sinalou que no caso de Lugo "non se están cumprindo" as medidas restritivas "de forma franca".

O comité clínico considera que Galiza presenta unha situación "estábel" desde o punto de vista epidemiolóxico cun "lixeiro descenso" no número de casos. Con todo, preocupa a presión asistencial co incremento dun 9,3% dos pacientes que terminan en UCI, que aínda se atopan a un 42% do pico máximo de ocupación rexistrado na primeira onda da pandemia.