Sanidade abre a área de Ferrol e mantén fechadas a da Coruña e Pontevedra

Mapa (Imaxe: CRTVG)

A partir do 5 de marzo ficará aberta a área sanitaria de Ferrol, segundo avanzou Sanidade após a reunión do Comité clínico. Seguen fechadas as áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra. Soutomaior é o único concello que permanece en nivel máximo.

O Comité clínico que fai seguimento da evolución da Covid-19 na Galiza vén propuxo, na súa reunión desta terza feira, 2 de marzo, abrir o feche da área sanitaria de Ferrol, que pasa a nivel medio e recuperará a mobilidade co resto da Galiza.

Por outra banda, o concello de Soutomaior é o único que permanece en nivel máximo.

Mentres, as áreas sanitarias da Coruña e de Pontevedra continúan fechadas, con todos os seus concellos en nivel alto. Así, pois as e os seus habitantes só poderán moverse a municipios na mesma situación e os locais de hostalaría poden abrir só as terrazas a 50% de ocupación até as 18 horas.

Tamén quedan neste nivel os concellos de Cariño, Guitiriz, Lourenzá, Pobra de Brollón, Tordoia, Porto do Son, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén e Boborás.

O resto dos concellos galegos quedan en nivel medio, co que se permite neles unha capacidade de 30% no interior de bares, restaurantes e cafetarías e de 50% nas terrazas. Así mesmo, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas da sexta feira, 5 de marzo.

Catro novos falecementos

As autoridades sanitarias comunicaron este 2 de marzo catro novos falecementos con Covid-19, polo que o total de vítimas da pandemia ascenden xa a 2.256 na Galiza. Os catro presentaban patoloxías previas.

Dous dos falecementos rexistráronse na segunda feira, en concreto un home de 74 anos que se atopaba ingresado no Complexo Hospitalario da Coruña e unha muller de 76 anos que se atopaba no Complexo Hospitalario de Ourense.

O resto de casos, todos eles esta terza, son dous homes de 84 e 89 anos que estaban ingresados no Centro Hospitalario de Ferrol e no de Vigo, respectivamente. O primeiro deles procedía da residencia de Laraxe, de Cabanas.