O comité da CRTVG exixe o cesamento do director xeral por promover a “vulneración de dereitos fundamentais”.

TVG manipulación

Sánchez Izquierdo acusou "sindicalistas" de exercer "intimidación" contra xornalistas no escándalo de Fernández Díaz.

O Comité intercentros da CRTVG solicita o cesamento do director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Inzquierdo, após que este acusase os seus membros de “intimidar” compañeiros nas protestas pola non emisión das gravacións do escándalo de Fernández Díaz, ministro do Interior. Nun comunicado, sosteñen que os medios públicos “ non poden estar dirixidos por persoas que permiten a intimidación permantente e diaria de profesionais da información para que accedan á manipulación informativa”.

O comité nega con contundencia as “intimidacións a xornalistas e profesionais” das que lle acusa Sánchez Izquierdo, e lémbranlle que este organismo ampara “a cotío” a compañeiros polas “intimidacións permanentes” ás que lles someten para que accedan a facer “manipulación informativa”.

Nesta liña, indican que a representación sindical conta con 380 sinaturas de empregados da CRTVG solicitando a posta en marcha dese Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, que a vindeira semana lle entregaran ao Consello de Administración nunha xuntanza programada con ese órgano.

Os medios públicos “ non poden estar dirixidos por persoas que permiten a intimidación permantente e diaria de profesionais da información para que accedan á manipulación informativa”

“Intimidar”

O pleno do Comité considera, asimesmo, “inaceptábel” que Sánchez Izquierdo anuncie no Parlamento que vai promover o que cualifican de “violación de dereitos fundamentais” ao anunciar que vai abrir unha investigación sobre os protestos ou que vai poñer un entorno de vixilancia.Unhas medidas que só procuran, considera o Comité, “intimidar á representación sindical e crear un pano de fume que xustifique a non investigación das razóns polas que se omitiron os audios das gravacións ao Ministro”.

Inspección de traballo

Anuncian que informarán a Inspección de Traballo das medidas anunciadas polo director xeral en sede parlamentaria de “aprazar as conversas e reunións co Comité de Empresa”, por consideralas unha grave vulneración dos dereitos da representación sindical e da obriga legal de respectar o marco de representación legal establecido na empresa.