O director da CRTVG acusa "sindicalistas" de ter exercido "intimidación" contra xornalistas no escándalo de Fernández Díaz

Sánchez Izquierdo [Imaxe CRTVG]

Alfonso Sánchez Izquierdo respondeu así ás preguntas da oposición que denunciou "censura" no tratamento informativo da noticia.

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu esta quinta feira en comisión parlamentar onde foi interpelado polas forzas da oposición a respeito do tratamento informativo do escándalo político que atinxe o ministro do Interior en funcións, Fernández Díaz. A cobertura que a canle pública de televisión fixo do caso --24 horas após terse coñecido e priorizando a reacción do goberno ás gravacións feitas públicas-- motivou protestos na redacción de informativos que Sánchez Izquierdo. 

O director da CRTVG di que abrirán unha investigación após as manifestacións de protesta e porán unha "contorna de vixianza"

Neste senso, o director da CRTVG acusou a "sindicalistas" de "intimidar seriamente" a xornalistas e profesionais nunha acción que, dixo, fora anunciada previamente. No concreto, Sánchez Izquierdo referiuse a "nove persoas do comité" que entraron na redacción con "megáfonos e cartaces" para exercer unha "intimidación directa" do persoal. Como resposta, avanzou, a dirección da compañía adoptará unha serie de medidas entre as que se atopa "pór unha contorna de vixianza até que se aclare a situación", "abrir unha investigación" e mesmo "adiar" as conversas co comité de empresa. 

Sánchez Izquierdo tilda de "excesiva" a cobertura da nova na web da CRTVG

Malia as críticas da oposición ao tratamento informativo Sánchez Izquierdo mesmo coidou "excesiva" a presenza da nova na páxina web da CRTVG e atribuíu a non reprodución das gravacións a que "non sabes como che veñen". "Hai medios que as deron e outros que non", "non estaba garantida a orixe". 

Ao respeito a deputada do BNG, Montse Prado, acusou o director da CRTVG de empregar os medios públicos "en beneficio do PP de modo obsceno" e cunha "manipulación sistemática" da información. 

Pola súa banda, o deputado de AGE, Juan Fajardo censurou a "animadversión" e o "desprezo" de Sánchez Izquierdo cara ás persoas que son representantes sindicais do cadro de persoal da CRTVG.