A Comisión Europea reitera que a prórroga da concesión da AP-9 a Audasa é ilegal
A Comisión Europea non ten dúbidas: a prórroga coa que o Goberno popular de José María Aznar ampliou até o ano 2048 a concesión da AP-9 a Audasa non se axusta á normativa comunitaria. Porén, o actual Executivo español rexeita a cumprir coas esixencias das autoridades comunitarias e abre a porta a un proceso xudicial no TXUE.
A Comisión Europea remitiu na xornada de onte un ditame ao Goberno español no que lle require a anulación da concesión da autoestrada AP-9 á compañía Audasa, propiedade do grupo Itínere e pertencente ao fondo de investimento neerlandés APG, por entender que foi outorgada de forma ilegal polo Goberno popular de José María Aznar. Neste sentido, dá dous meses ao Executivo do Estado para que proceda a adoptar as medidas necesarias para reverter a concesión, advertindo de que, no caso de non cumprir co solicitado, procederá a denuncialo diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE).
O requirimento de onte enmárcase nun procedemento aberto en 2019 a raíz dunha denuncia presentada pola asociación de persoas consumidoras En Colectivo e que levou o 23 de setembro de 2021 a Comisión Europea a resolver que a prórroga da concesión da AP-9 incumpría a normativa da Unión Europea. Neste sentido, as autoridades comunitarias entenden que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación", polo que demandan restaurar a legalidade co fin de "garantir a correcta aplicación das normas da UE en materia de contratación pública e de contratos de concesión".
O expediente sancionador aberto ao Estado español asegura que a ampliación da concesión da AP-9 até o ano 2048 "non se axusta á lei, ao ser outorgada de forma directa a Audasa sen permitir a libre concorrencia doutros operadores". Na mesma dirección, destaca que no proceso "non se aplicaron os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados", e advirte de que "ampliaron a duración das concesións de autoestradas sen iniciar previamente procedementos de licitación".
A xurispruedencia da UE
O ditame emitido pola Comisión Europea no día de onte está en liña coa xurisprudencia comunitaria. O 18 de setembro de 2019 o Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE) sinalou, nunha sentenza referida á ampliación da concesión da Autoestrada Tirrenaica en Italia, que prorrogar 18 anos unha concesión que tiña 30 anos como prazo inicial constitúe unha modificación substancial que non se pode introducir sen unha licitación previa. A da AP-9 foi sometida a dúas prórrogas: unha delas aprobada por Felipe González en 1994, que a ampliou até 2023, e unha segunda ditada por José María Aznar en 2003, que a prolongou até 2048.
O profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Aymerich, quen en setembro de 2024 elaborou co seu compañeiro de departamento José Antonio Blanco, un informe no que cuestionou a legalidade da concesión da AP-9, apunta a Nós Diario que, "no caso da Autoestrada Tirrenaica, o TXUE considerou que unha prórroga de 60% do prazo concesional inicial constituía unha modificación substancial", polo que "con máis motivo cabería outorgar esta cualificación á prórroga da AP-9". "Semella claro que incrementar en 36 anos un prazo inicial de 39 debe ser considerado como unha modificación substancial", di.
Aymerich explica que "a introdución desa modificación sen licitación equivale a unha adxudicación directa irregular dun novo contrato á concesionaria, violando os principios reitores e as normas comunitarias reguladoras dos contratos e concesións públicas". Nesta dirección, interpreta que "prorrogar deste modo o contrato de concesión da AP-9 supuxo unha modificación substancial que, para ser introducida, debera levar a resolver o contrato inicial para convocar, posteriormente, unha nova licitación".
As dúbidas sobre as prórrogas de concesión da AP-9 veñen de vello. A este respecto, o Consello Consultivo da Galiza xa advertiu da súa ilegalidade en 2020, sinalando que "tanto no Real decreto 1733/2011, do 18 de novembro, aprobatorio do convenio polo que se modifican determinados termos da concesión para a construción, conservación e explotación da Autoestrada do Atlántico (AP-9), como no Real decreto 1359/2018, do 29 de outubro, que aprobou a addenda ao devandito convenio, producíronse quebras da legalidade substantivas”. Porén, a Xunta non adoptou medidas por aprobar ditas prórrogas o Goberno popular de José María Aznar.
O referido relatorio do Consello Consultivo da Galiza recolleu, tamén, “a improcedencia deses incrementos extraordinarios aprobados como compensación polas obras de ampliación” concedidos en 2011 polo ministro de Fomento socialista José Blanco a Audasa, e criticou as alzas das tarifas das peaxes aprobadas en 2011 e 2018. Nesta dirección, a Comisión Galega da Competencia desvelou no seu relatorio de 2021 que, "en 22 anos transcorridos desde a aprobación do plan económico financeiro de 1999, os ingresos reais por peaxe da concesionaria aumentaron a respecto do exercicio anterior en 17 ocasións".
Audasa é, de feito, un dos activos máis rendíbeis do grupo Itínere. Segundo as últimas contas trasladadas pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), no exercicio de 2024 a súa cifra de negocio elevouse até os 192,4 millóns de euros, declarando uns beneficios de 90,3 millóns, 9,3% máis que na anualidade de 2023.
O Goberno español oponse a liberalizar a autoestrada e valora recorrer o ditame
O procedemento aberto pola Comisión Europea en relación coa prórroga da AP-9 diríxese ao Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE), unha vez que o Goberno do Estado volveu manifestar onte a súa negativa a cumprir coas esixencias comunitarias. A este respecto, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel asegurou que "esta fase non supón o final do procedemento nin a eliminación das prórrogas" e avanzou que "analizaremos a resolución e esgotaremos as opcións de resposta ademais da posibilidade, chegado o caso, de interpor os correspondentes recursos". Neste sentido, a súa postura esta en liña co defendido desde 2021 polo seu titular Óscar Puente.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, celebrou a resolución da Comisión Europea e reclamou "ao Goberno do Estado que aproveite esta porta legal que abre a Unión Europea para acabar coa estafa da AP-9, unha estafa que hai que lembrar que ten como orixe a decisión do Goberno do PP de [José María] Aznar de aumentar a concesión até os 75 anos, seguida da súa posterior privatización a prezo de saldo". Neste sentido, concluíu que "sabíamos que era unha decisión inxusta, un agravio, agora sabemos tamén que era ilegal".
O Partido Popular da Galiza gardou silencio sobre o ditame emitido pola Comisión Europea, que considera ilegal unha decisión adoptada por un Goberno desta formación presidido por José María Aznar, cuxo peso na organización é moi relevante e que está considerado como unha persoa próxima a Alberto Núñez Feixoo.