Escribirán unha carta ás autoridades españolas

O Parlamento europeo reabrirá o expediente sobre o saneamento das rías do Burgo e Vigo

A delegación peticionaria, composta por membros das plataformas de defensa das rías de Vigo e A Coruña, a eurodeputada Ana Miranda e membros do BNG das áreas afectadas.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu esta segunda feira 21 de xaneiro reabrir o expediente do saneamento das rías do Burgo e Vigo após escoitar ao patrón maior da ría da Coruña e o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo. 

Presidido pola neoliberal sueca Cecilia Wikström, o órgano da Eurocámara acordou non fechar o caso até "analizar todas as informacións expostas" e instou a permanecer en contacto coas autoridades españolas, a quen mandarán unha carta para que "busquen explicacións a estas novas informacións".

 

Os peticionarios, convidados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, foron Felipe Canosa, patrón maior da Confraría da Coruña, e Serxio Regueira, presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo. Para Canosa, hai unha clara "falta de vontade dos gobernos locais, autonómicos e o propio goberno de España" na busca de solucións á contaminación na ría do Burgo. "É certo que se elaborou un proxecto por parte do goberno, mais hai xa cinco anos e non hai vistas a realizalo nin a curto nin a longo prazo", concluíu.

 

Regueira, pola súa parte, incidiu en que a construción dunha depuradora en Lagares non resolve a problemática da Ría de Vigo, sendo que as canalizacións que levan a auga á depuradora mesturan augas pluviais e fecais. Ademais, dixo, "a capacidade de evacuación é de 8 metros cúbicos por segundo, mentres que a capacidade da depuradora é de 12 metros cúbicos e cando chove a auga que entra nas tuberías multiplícase entre 20 e 60 veces o caudal normal", polo que a evacuación sería insuficiente. 

 

Ana Miranda insistiu en que "o saneamento integral é un elemento básico para o desenvolvemento ecómico de Galiza, especialmente para os sectores pesqueiros e marisqueiros, de grande peso na economía galega" polo que considera fundamental que a Comisión Europea revise o informe feito no ano 2013 após unha visita dunha delegación de investigación a Galiza. 

 

Opinión contraria tivo Xosé Blanco, eurodeputado do PSOE, quen considera que a situación é favorábel e que "un proxecto desta envergadura non se cambia dun día para outro". Así, pois, alegou ás "luces e sombras" da actuación en materia de saneamento. "En Vigo non se logrou cumprir o prazo previsto —31 de decembro de 2015— para a posta en marcha da depuradora, mais é unha realidade dende o abril pasado". Non quixo finalizar a súa intervención sen alegar que "se non se aproban os orzamentos dificilmente se licitará o proxecto de dragado da ría do Burgo". 

 

Finalmente, a Comisión da Eurocámara concluíu que se ben as comunicacións recibidas até o momento por parte das autoridades españolas eran positivas, reconsiderarán estudar de novo o caso tras esta petición. A europarlamentaria do BNG Ana Miranda estimou que nun mes e medio aproximadamente as institucións contestarán a petición e solicitarán aos afectados máis información sobre o estado das rías.