A Comisión Europea pide reducir a protección do lobo

Parella de lobos ibéricos. (Foto: Nós Diario)
Fundaméntase nun "aumento" do ataques

A Comisión Europea (CE) pediu esta cuarta feira rebaixar a protección integral que agora reciben as poboacións de lobo en base ao Convenio de Berna de protección da fauna e hábitats europeos, e faino co obxectivo de poder "flexibilizar" as normas de xestión desta especie fronte a un suposto aumento de ataques ao gando e a un conflito con comunidades locais en distintos puntos da Unión 
Europea (UE).

A proposta, segundo a CE, responde á necesidade de conxugar a protección dos lobos co "reto" que supón o aumento das poboacións desta especie. "Mantendo o obxectivo de conservación da biodiversidade e da especie", indicou nun comunicado o comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, quen garantiu que mentres tanto Bruxelas "seguirá apoiando" as autoridades locais e estatais con fondos e asesoramento para a "coexistencia" do lobo con outros grandes carnívoros. 

A modificación para pasar da categoría de protección estrita á de simple protección dentro do Convenio de Berna do Consello de Europa é un paso previo para que Bruxelas poida propoñer unha revisión das regras da UE que afectan a xestión desta especie. Un total de 50 integrantes (incluídos os 27 Estados da UE) subscriben este convenio europeo estabelecido en 1979. Con todo, o Executivo comunitario precisa aínda o respaldo dos 27 para poder elevar ante o convenio do Consello de Europa a petición.

Sen afectar á Galiza

A propia presidenta da CE, Ursula von der Leyen, anunciou en novembro de 2022 a súa intención de encargar aos servizos comunitarios "unha análise en profundidade" sobre o impacto da recuperación do lobo nos montes da UE. A toma de posición da política alemá produciuse pouco despois de que, segundo relatou máis tarde a prensa do seu país, un lobo matara un poni da súa propiedade.

A proposta de Von der Leyen de reducir a protección do lobo foi aplaudida polo Goberno galego e por organizacións como Unións Agrarias. Con todo, ambientalistas e persoas expertas na materia afirmaron que o anuncio de Bruxelas non afectaría a todos os territorios europeos, tampouco á Galiza, e encadraron a rebaixa da protección nun intento de "desviar a atención dos verdadeiros problemas do rural".