A Comisión Europea financia o estudo para a vacina da COVID-19 dun laboratorio galego

Grupo do CiQUS dirixido por José Martínez Costas (2º pola esquerda).
A equipa do profesor José Martínez Costas no CiQUS obtén financiamento para o ensaio preclínico do seu proxecto para lograr unha vacina contra o coronavirus.

O grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entra nunha nova fase para o desenvolvemento dunha vacina contra a COVID-19 co financiamento da Comisión Europea

Concedéronlles unha partida específica para a realización de probas preclínicas en animais de experimentación que permitirán, se os resultados son satisfactorios, "chegar até a fase clínica de ensaios en humanos", segundo explica Martínez Costas.

Esta investigación está a levarse a cabo en colaboración co grupo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (CISA-INIA).

O camiño na procura dunha vacina contra a COVID-19, iniciado a comezos de abril ao amparo do Instituto de Saúde Carlos III, amplíase agora grazas ao financiamento da Comisión Europea. "Un importante impulso ao noso traballo, sen dúbida, ao que se suma tamén o financiamento privado que obtivemos do Banco Santander e a asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC)", destaca Martínez Costas.

Activar a inmunidade

A equipa galega traballa en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC,  que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.

Esta liña de traballo, como explica Martínez Costas, permite producir vacinas contra calquera patóxeno: "Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos".

Estas partículas "purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado", argumenta.

Desde abril levaron a cabo un traballo no laboratorio que agora van perfeccionar coa información de doentes cedida desde o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

O equipo da USC traballa na xeración da vacina, mentres que o ensaio en animais levarase a cabo no Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) de Madrid e no centro alemán especializado en investigación de infeccións HZI.